O 061 no móbil, só en castelán

Malia se denominar Urxencias Sanitarias de Galicia, a aplicación do Sergas para dispositivos móbil exclúe o galego e só permite a asistencia en castelán.

Capturas APP 061-01

“Supón un avance significativo para a asistencia ao paciente no entorno extrahospitalario”, así anuncia o Sergas a aplicación do 061 para dispositivos móbiles, denominada Urxencias Sanitarias de Galicia. Un servizo que exclúe o galego, pois a APP só contempla o castelán, tal e como denunciou na mañá desta quinta feira, a través das redes sociais, A Mesa pola Normalización Lingüística.

A aplicación permite que a xeolocalización da chamada ao 061 que se realice a través dela, co cal, segundo o Sergas, pode enviarse o “recurso asistencial necesario con maior prontitude e precisión”. Aínda que este feito é “especialmente relevante nunha comunidade como Galiza, con gran dispersión da poboación e cunha climatoloxía e orografía complexas”, o Sergas discrimina a lingua propia do país.

A persoa usuaria pode rexistrarse e introducir os dados da tarxeta sanitaria, o que posibilita que o persoal sanitario acceda con maior celeridade á historia clínica da ou do paciente. Iso si, todo en castelán.

Comentarios