"O tremendo é que me denunciase un xuíz por eu defender a Lei de normalización lingüística"

A sentenza do Xulgado de Instrución nº 1 da Coruña falla que "a nota de prensa emitida" coa denuncia de "apoloxía da ilegalidade" pola defensa de Antonio Fraga Mandián "atópase comprendida na liberdade de expresión e información".

Varios anos despois chega a sentenza que absolve a Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, da denuncia presentada polo ex-xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián. "O tremendo é que me denunciase un xuíz por eu defender a Lei de normalización lingüística", foi unha das primeiras declaracións a través de Twitter de Callón.

Na sentenza a xuíz do Xulgado de Instrución nº 1 da Coruña, Natalia Paz Domínguez, resolve que "a nota de imprensa emitida polo sr. Callón o día 27 de xuño de 2008 e a súa posterior publicación en data 28 de xuño de 2008 non excede da crítica á que están sometidos todos os poderes públicos e atópase comprendida na liberdade de expresión e información". Nesta nota de imprensa Carlos Callón denunciaba as palabras do agora ex-xuiz Antonio Fraga a un xornal coruñés nas que aseguraba non ter "ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo "La Coruña".

A sentenza deste xuízo volve a estar en castelán aínda que o propio presidente da Mesa solicitou no seu momento que estivese en galego

A sentenza, ademais, conclúe que "o topónimo oficial de "A Coruña" estableceuse como tal na Lei 2/98 de 3 de marzo, e anteriomente na Lei 3/1983 do 15 de xuño", polo que indica que as declaracións do Xuíz "suscitarían polémica e controversia". Malia todo o ex-xuíz líbrase de pagara as costas da súa demanda polo que os gastos causados pagaranse "de oficio".

Sentenza en castelán

A sentenza deste xuízo volve a estar en castelán aínda que o propio presidente da Mesa solicitou no seu momento que estivera en galego. "Pedirei de novo unha tradución". Carlos Callón lamenta que con estes actos "un se senta estranxeiro na súa patria".

Por outro lado agarda que Antonio Fraga Mandián deixe a "caza de bruxas" contra o galego "algo que demostrou no pasado con denuncias tamén a Eduardo Álvarez e Carlos Aymerich polos mesmos motivos".

Comentarios