O 17M: O día no que queremos (e reclamamos) poder vivir todo o ano

"Non queremos ser estranxeiras na propia patria. Queremos Galego!" é o lema da manifestación que sairá ás 12.00h da Alameda de Santiago de Compostela

Queremos Galego 18 outubro 2009
photo_camera Queremos Galego 18 outubro 2009

Este 17 de maio cúmprense 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, obra coa que Rosalía de Castro ergueu unha bandeira, como ela mesma afirmou, da que hoxe menos que nunca debemos desertar. Milleiros de galegos e galegas recollerán hoxe con orgullo o testemuño desa bandeira. Serás ás 12:00, na Alameda de Compostela, na manifestación convocada por Queremos Galego baixo o lema “"Non queremos ser estranxeiras na propia patria”.

“O noso idioma, o galego, é a base fundamental sobre a que nos sustentamos como pobo. Se deixamos que esa base se estrague, todo canto se apoia nela, a nosa esencia como galegos e galegas, abaneará como a terra nun sismo devastador”, recóllese no manifesto no que se anima á participación.

Entre os asinantes deste manifesto están o adestrador Fernando Vázquez, os escritores Suso de Toro, Margarita Ledo, Bernardino Graña, Manuel Rivas, Begoña Caamaño, Marilar Aleixandre, Agustín Fernández Paz, Teresa Moure, Marta Dacosta, Xabier Docampo, Yolanda Castaño, Nacho Taibo, Pilar García Negro, Francisco Pillado e Carlos Taibo, os músicos Mercedes Peón, Uxía, Projecto Mourente, Guadi Galego, Mini e Mero, Xurxo Souto, Magín Blanco e Tonhito de Poi, os actores Chisco Amado, Isabel Risco, Laura Ponte e Quico Cadaval e o humorista Xosé Lois González O Carrabouxo.

O HT para usarmos hoxe: #17MQueremosGalego

Comentarios