¿Habla gallego? ¡Llamad a la Policía!

Xornais galegos introducen en noticias de sucesos delitivos, e como trazo distintivo d@ persoa responsábel de cometer o delito, o feito de que fale galego ou teña sotaque de Galiza. Non, non é brincadeira. Pasa

O último, que non derradeiro exemplo, foi esta mesma semana nunha nova de La Voz de Galicia: “Non eran ladróns de luva branca aínda que os levaban postos. Eran tres varóns que falaban galego os que, sobre as tres da madrugada, asaltaron a unha viúva que vive soa en Vilagarcía”. Mais este tipo de referenzas a que os protagonistas de sucesos falen galego non é algo aillado na prensa galega, como lembra Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. No seu blogue, Callón recolle até 20 exemplos de novas de diferentes medios de comunicación de Galiza nos que  botan man para describir un delincuente o feito de que, en Galiza, “ou fala o noso idioma ou ten o noso acento. En ocasións mesmo se subliña que os causantes do delito teñen "un acento gallego pronunciado". 

"Seis homes de 30 a 40 anos de idade, encarapuchados e con sotaque galego abordaron a vítima armados con paos e unha pistola”, relataba o Faro de Vigo un asalto con ameaza de morte incluída, en galego, claro está, a finais de 2012.

“Tenían un fuerte acento gallego...o portugues”

Tamén nese medio, Faro de Vigo, informaban a principios de 2012 dun roubo perpetrado por “cinco individuos” que non é xa que falasen galego (por favor!), senón que tiñan “un forte sotaque galego...ou portugués”. Unha declaración fornecida polas forzas de seguridade españolas que faría a delicia de calquer reintegracionista que se prece.

E La Voz de Galicia sumábase á festa reintegracionista, ao sinalar nunha nova de principios do ano pasado que “os atracadores, persoas novas con sotaque galego pronunciado, ou portugués...”.

Mais case que todos os medios con cabeceira en Galiza (mais iso si, publicados en español) inciden nesta teima. Desde La Opinión (“Os ladróns eran un home e unha muller con sotaque galego”) até El Correo Gallego (“O atracador , que falaba galego, sacou de pistola e encañonoulle”), pasando por El Progreso (“os dous ladróns eran de complexión atlética e falaban en galego, aínda que nunca o fixeron no alto”). Vaia home, alén de galegofalantes, discretos.

Até intentan secuestrar crianzas!!

Nunha noticia de La Voz de Galicia de 2008 falaban da alarma existente por diversos intentos de secuestro de menores na comarca do Barbanza. No relato dos feitos, dise que as bandas que tentarían cometer este delicto “falan idiomas diferentes”, pois os secuestradores que actúan en Escarabote “falaban galego”, mentres que os que o facían na Pobra facíano en “rumano ou portugués”.

Noutra noticia deste xornal coruñés fálase dun delincuente describíndoo como “un maniático con sotaque galego”. E noutra noticia sinalaban que "os estranos falaban galego e eran tres". Xa ven.

Non vos riades, que o conto é triste

Díxoo Castelao (que falaba galego e pode que para algúns sexa un delincuente): “Non vos riades que o conto é triste”. Periodicamente nos medios e xornais editados en Galiza saen noticias nas que só se alude ao idioma que emprega o delincuente ou suposto delincuente cando este é, por riba, o propio do país.

“Moitos destes datos da sección de sucesos fornécenos as forzas de seguranza. Por iso podería ser oportuno que houbese algunha intervención dos poderes públicos que detivese a divulgación de prexuízos absurdos desde a propia policía”, sinala Callón. Mais iso non desculpa aos medios.

Non deixa de chamar a atención que na época do politicamente correcto no xornalismo (con libros de estilo a insistir en que nunca se pode referir de xeito despectivo por raza, orientación sexual,...), o idioma galego continúe a ser, e para medios de Galiza, un elemento relevante á hora de definir ao responsábel dun suceso delictivo. 

As citacións ás noticias dos medios foron traducidas ao galego. Na súa versión orixinal estaban en español. Non podía ser doutro xeito

Comentarios