De ‘conacha’ a ‘afouteza’: o dicionario da Academia Galega supera os 15 millóns de consultas no que vai de ano

Son 55.000 procuras diarias.

dicionario RAG
photo_camera dicionario RAG

O Dicionario da Real Academia Galega superou a cifra dos 15 millóns de buscas rexistradas desde o 1 de xaneiro de 2017 a través da páxina web da Academia e do Portal das Palabras. Unhas 55.000 consultas diarias.  Mellora así, cando aínda faltan dous meses para que remate o ano, os 14,4 millóns de consultas coas que fechou 2016. A esta cifra hai que sumarlle unhas 1,6 millóns de visualizacións -máis do duplo que en todo 2016- das aplicacións do Dicionario para Android e iOS, que suman case 70.000 descargas. O número de usuarios únicos tamén medra: son máis de 873.700 en dez meses, por riba dos 867.555 contabilizados durante todo o 2016.

A RAG estreou en 2013 a versión dixital do seu Dicionario, que ofrece máis de 56.000 termos que poden ser consultados en academia.gal, e do Portal das Palabras, unha iniciativa para a modernización do traballo lexicográfico e a difusión da nosa lingua compartida coa Fundación Barrié.

Aplicacións móbiles e bot para Facebook

Outra vía de acceso ao Dicionario son as aplicacións desenvolvidas para teléfonos móbiles e tabletas con sistemas iOS e Android. Ademais de permitir consultar o significado das palabras, dan tamén acceso desde calquera móbil ou tableta aos xogos interactivos e outros recursos lúdicos e didácticos de lexicografía que ofrece o Portal das Palabras. O Dicionario dispón ademais dun bot para Facebook que define termos por medio do Messenger desta rede social.

As dez máis procuradas

A listaxe das dez palabras máis buscadas neste mes está encabezada por ‘conacha’ (vulgar: Aparello xenital feminino), seguido de ‘afouteza’ (1. Disposición do espírito que leva a actuar ou a acometer calquera empresa sen temor aos perigos ou dificultades. 2. Seguridade que alguén ten en si mesmo, carácter firme).

O terceiro posto é para alfil, nunha lista de dez primeiros no que tamén figuran máis, luscofusco, dioiva, presa, botar, fóra, mañá e bóla.

Comentarios