E aquel momento histórico converteuse en lenda

Un detalle do libro sobre a batalla de Rande (Foto: Nós Diario).
photo_camera Un detalle do libro sobre a batalla de Rande (Foto: Nós Diario).

A batalla de Rande é un deses episodios nos que xa non distinguimos a realidade da lenda. Que Jules Verne introducira a batalla e o suposto tesouro na trama da súa novela Vinte mil leguas baixo dos mares, de seguro que axudou a confundir historia e mito. E xa saben, dicía John Ford que se hai que escoller, mellor contar a lenda.

En 1702, en plena guerra de sucesión pola coroa do Imperio Español, as armadas anglo-neerlandesa e hispano-francesa enfrontáronse nunha batalla naval na enseada de San Simón. Nos 300 anos que pasaron non deixou de medrar a lenda e mesmo se deseñaron expedicións para atopar os restos e o suposto tesouro.

O relato de Braña e Prado ten unha estrutura moi clásica. Comeza cunha nai que leva o seu fillo ao Museo Meirande de Redondela. A visita é o detonante para, mediante unha analepse, trasladármonos até A Habana, Cuba. O 24 de xullo de 1702, a Frota de Indias está a prepararse para partir escoltada por navíos de guerra franceses, a escuadra transportará até Cádiz "un tesouro nunca reunido antes". Preto das costas europeas e con Cádiz asediada polos ingleses, a expedición ten que cambiar 
o destino e buscar refuxio na baía de Vigo. Fondeados en Rande, comezan os preparativos da defensa ante o inminente ataque.

Braña ten anos de profesión ás costas e nótaselle o oficio, sabe contar e imprimirlle ritmo e drama a unha historia. Sen entrarmos en disquisicións históricas, que deixaremos á academia, o libro é entretido, funciona como relato de aventuras de base histórica cun guión que cumpre até o aprobado.

No debuxo, Pablo Prado tamén fai un bo traballo. Aínda que o seu estilo estea máis na beira do caricaturesco que do realismo tintiniano e non sexa, tal vez, o que agardamos nunha bd con pretensións de relato histórico, para min é un acerto. Acada o seu cometido narrativo e quítalle unha capa de crueldade a unha historia que rematou en masacre.
Un libro para pasar un tempo entretido e inmerso nunha histórica batalla naval, ao que só poñería un pero: a crueza do guión faino desaconsellábel para primeiros lectores e para os xuvenís máis novos.

Boa edición de Galaxia –en colaboración co Concello de Redondela– en tapa dura e cunha boa calidade xeral. Semella que veñen novos aires á editorial viguesa, que quere recuperar a publicación de banda deseñada e iso é unha moi boa nova.

Máis en Libros
Comentarios