Metaliteratura e pandemia

Anova novela de Berta Dávila chega cando aínda non se extinguiron os ecos do éxito do seu anterior proxecto narrativo, a novela Carrusel (Premio da Crítica 2019). 

Confírmase así un estado de forma literario excepcional, que contribúe a definir e madurar a que parece chamada a ser unha das voces máis emblemáticas da nosa narrativa neste primeiro cuarto do século ao que xa nos encamiñamos.

Illa Decepción / Berta Dávila / Galaxia / 2020 / 148 páxinas / 15 euros

Illa Decepción é un proxecto peculiar que se achega a algunha innovación formal, ao tempo que mantén moitos dos elementos temáticos e de estilo que caracterizaron á autora.

Da parte das novidades temos o feito de estarmos ante dúas novelas de tramas alternas, e mesmo con referencias cruzadas, especialmente desde a segunda á primeira. “Algunhas casas” e “Illa Decepción” reflicten dous momentos que xogan a confundir o biográfico co literario e que corresponden, grosso modo, ao momento previo á pandemia e á chegada do primeiro confinamento.

Unha abordaxe que, ensaios e reflexións varias á parte, converte por primeira vez á Covid-19 que nos amargou este 2020 en material literario. Se a primeira destas pezas narrativas parte dunha procura polas casas da infancia, a segunda embarca directamente na reinterpretación que o fogar, como lugar de reclusión ou de refuxio obrigado, tomou durante a primeira parte da pandemia. Non son, con todo, os únicos aspectos que toca un libro caracterizado pola multiplicidade das súas historias.

Berta Dávila deu coa complexa habilidade de trazar grandes temas baixo a aparencia do anecdótico e do cotián. As dúas tramas deste volume pódense ler case como quen se asoma a un diario persoal, cheo de reflexións que abanean entre o curioso e o intranscendente.

E seguramente ese é un dos grandes riscos que gardan este tipo de proxectos. A autora fálanos de importancia dos espazos que algún día habitamos, da parte de nós que quedou neles e do irrecuperábel dos territorios da memoria.

Tamén das vidas que aconteceron fugaces sen case deixar rastro, e dos rastros que as nosas accións deixan nun mundo interconectado. De como elementos da cultura contemporánea como os videoxogos poden servirnos para crear refuxios nos que sobrevivir. E da pandemia e todo o que afectou ás nosas vidas.

E fálanos de todo isto aínda que o material co que estas cuestións están construídas parece facernos esvarar un par de veces ao desinterese por un relato excesivamente persoal e ancorado en pequenas banalidades que só o ritmo da obra e o estilo da autora conseguen validar.

Máis en Libros
Comentarios