A dificultade das cousas fáciles

O escritor Ismael Ramos (Foto: Arxina).
photo_camera O escritor Ismael Ramos (Foto: Arxina).

A doita dicirse que a literatura é un reflexo da sociedade e, como tal, moitas veces conta o que late nela. Lía hai unhas semanas un libro dunha autora valenciana no que dicía algo así como que as persoas pobres poden permitirse menos fracasos porque a supervivencia é menos predicible. Penso nesta reflexión e xusto despois chego a A parte fácil, o primeiro libro de relatos de Ismael Ramos no que nos fala precisamente diso, do que supón darse conta ao medrar de que non es rico e enfrontarte ás propias contradicións e comparacións coas outras persoas. 

No primeiro relato do libro lemos isto: "Ao principio Mario pensara que Paulo debía ser igual de pobre ca el. Sempre pensaba que a xente que se lle achegaba tería máis ou menos as súas condicións, os seus problemas". Xa aí se nos somerxe de pleno nunha historia na que o protagonista sabe que os segredos familiares van moi vinculados a esa continua sensación de sentirse inferior aos demais.

O autor busca comprender que se agocha detrás de cada persoa e dos seus actos, e por iso nestes relatos nos explica as orixes, que marcan sempre o que somos e cara onde camiñamos. Que nos queiran e como nos queiran levaranos a tecer un tipo ou outro de relación cos nosos iguais, como xa sabemos.

Os protagonistas das historias que compoñen A parte fácil son seres que conviven con segredos, que son sempre o xerme dun bo relato, aínda que neles hai moito de poesía e de reivindicación do que somos. E é que o autor de Mazaricos destaca por visibilizar na súa poesía, faceta pola que é amplamente coñecido e pola que gañou o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández, as persoas do cotián, ás que considera heroínas do día a día. Elas sitúanse case sempre en lugares esquecidos pero que el reivindica dende a escrita, caso do rural en Lumes ou o mar n' Os fillos do mar.

Lendo estes relatos, ao igual cá súa poesía ou os artigos que publica habitualmente en eldiario.es, decatámonos de que Ismael Ramos é un experto na análise humana, no desafiuzamento dos sentimentos máis miúdos.

El sempre toma os detalles para explicar a vida, cunha sensibilidade especial para captar o que nos preocupa, o que proe na pel, o que queima. Mentres leo o libro, penso no que defendía a escritora Almudena Grandes, quen dicía que a Historia a constrúen as persoas do cotián, as que sobreviven no día a día e continúan demostrando que o camiño se fai cara adiante. 

Non deberiamos deixar de ler a Ismael Ramos, tanto na poesía como no xornalismo e na narrativa. Unha voz que xermolou nova e á que lle auguro un futuro prometedor. 

Máis en Libros
Comentarios