Os Vilares, a aldea de Díaz Castro, xa é unha lareira virtual de soños

A estudante de secundaria e veciña do lugar María Teijido encargarase de coordinar os contidos que repasan o pasado, amosan o presente e escreben o futuro nesta parroquia chairega.

vilares
photo_camera CC SA-BY dosvilares.com

O proxecto literario e audiovisual Os Vilares, lareira de soños, que impulsaron Pastora Veres (libro) e Cibrán Tenreiro (documentario), é xa unha comunidade virtual desde a cal se puxará non só para dar a coñecer a vida e obra de Díaz Castro, a quen este ano vai dedicado o Día das Letras, senón tamén para amosar os recunchos da parroquia chairega, orfa até o de agora de calquera espazo onde se promocionar. 

Novas, imaxes, festas, persoas, paisaxes, pasado, presente... a historia da comarca da Terra Chá que tantas veces Díaz Castro fixo poesía ábrese agora camiño na rede cun espazo dedicado a quen visite esta parroquia virtual, que poderá participar directamente na achega de ideas para a confección de novos proxectos.

E a parroquia ten xa gobernanta: da súa xestión ocuparase María Teijido, veciña do lugar dos Ramos e estudante de secundaria en Guitiriz, quen coordenará o funcionamento da web e procurará a implicación da xente moza para escreber o futuro dos Vilares.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios