INGRESA COMO MEMBRO DE HONRA

Rosalía de Castro protagoniza o discurso do ingreso de Basilio Losada na Academia

Basilio Losada (Láncara, 1930) ingresou esta mañá na Academia como membro de honra. Fíxoo cunha intervención que se centrou nas primeiras novelas de Rosalía de Castro.

RAG
photo_camera RAG

"Decidín finalmente falar aquí de Rosalía de Castro porque Galiza é, teño para min, o único país do mundo construído e mantido en vida polos seus poetas, e cunha muller en cabeza deles”, así xustificaba Basilio Losada a temática da súa intervención na cerimonia de ingreso na Academia como membro de honra. “Interesábanme especialmente as razóns que a levaron a escribir poesía en galego despois de iniciar a súa obra en castelán, e de facelo centrada sobre todo na narrativa", salientou esta mañá na sede da RAG.

Segundo recolle a Academia nun comunicado, Losada referiuse, en primeiro lugar, a La hija del mar, onde “xa se avanza a reivindicación da participación feminina na vida social, unha constante na obra de Rosalía. Nas súas novelas iniciais xa está presente non só a Rosalía feminista, senón tamén a súa visión existencialista ou a Rosalía social",apuntou. Tamén aludiu a Flavio, novela na que xorde tamén “a negra sombra”.

Para comprender a obra rosaliana, Basilio Losada recomendou Canon y subversión. La obra narrativa de Rosalía de Castro, publicado en 2012 pola Universitat de Barcelona e a asinado, entre outras, por Catherine Davis, Kathleen March, Helena González ou María do Cebreiro Rábade. Tamén sinalou a importancia das achegas de Pilar Pallarés, Pilar García Negro, Carmen Blanco e Francisco Rodríguez.

Losada agradeceu a Academia o nomeamento e comprometeuse a continuar a traballar en clave galega. "Seguirei pensando en Galiza todo o tempo que me quede de vida, e traballando polo país desde o meu campo de actividade", subliñou.

Alonso Montero cualifícao como "embaixador" das letras galegas en Barcelona

Xesús Alonso Montero, presidente da RAG, cualificou o homenaxeado de “embaixador”, desde 1960, das letras galegas en Barcelona. Amais de valorar os traballos publicados entre 1963 e 1971 en Grial, enxalzou as achegas de Losada á novelística rosaliana así como ao seu labor de tradutor de case 200 volumes e o seu activismo cultural.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios