sábado 28.03.2020

Rosa Enriquez: 'Vivimos nunha sociedade líquida onde as cousas non permanecen'

Rosa Enriquez (A Rúa, 1969) presenta esta quinta 27 de setembro (Libraría Lila de Lilith, Compostela, 20:00 h) o seu ultimo libro 'Atlas de Chaguán' en compañía de Teresa Moure, Andrea Nunes e Alfonso Láuzara. Feminismo, crítica social, cinema... Un universo propio chamado Chaguán do cal nos fala nesta entrevista.
Rosa Enriquez
Rosa Enriquez

Dedícalle o libro a súa nai e fala das relacións diferentes...
O libro tenta ser unha denuncia do patriarcado posto que estamos todos e todas [email protected] nel. Afecta moitas veces ás relacións entre nais e fillas e entre nais e fillos. Eu falo da miña, posto que cando morreu meu pai o ano pasado puiden achegarme moito máis a miña nai e aceptar un pouco que eu, en moitas ocasións, estaba errada. Como tamén ela o estaba ao respecto de min. Véxome reflectida na protagonista de 'Brave', filla e nai cunha relación difícil até que se poñen unha no lugar da outra e decátanse ambas as dúas de que teñen prexuízos.

Puxo un exemplo cinematográfico e no libro aparecen outros. Que parte de linguaxe cinematográfica ten a súa obra?
Gústame moito o cinema e hai títulos de cine que me parecen representativos. Un exemplo é “Lola rennt” que aparece revisitado no libro. A idea de vivir con présas, determinada por unha sociedade capitalista que nos exixe a cotío producir e representar un papel de eficiencia. Os sentimentos, as amizades, as conversas tranquilas quedan a marxe.

No libro hai tamén unha forte crítica social...
Hai unha crítica á sobrevaloración dos obxectos na última parte do libro. Cousas que consumimos, a propiedade privada. Gústame o que dixo Alba Rico sobre as cousas necesarias, as cousas marabillosas como a arte e a literatura que acaban sendo unha forma máis de consumo: consumimos música, sexo, amor, amizade... Vivimos nunha sociedade líquida onde as cousas non permanecen e os obxectos tamén son así, como na obsolescencia programada. Igual que dura pouco un computador tamén acontece coas amizades entre as persoas, os amores... O sexo case non ten valor... Non sei... Paréceme duro.
Convidei a Teresa Moure para a presentación porque me gustou moito o seu libro “O natural e político”, sobre todo cando fala da importancia das conversas tranquilas que se perden coas crianzas, no traballo... Por iso penso que vivimos nunha soidade multitudinaria.

Entendo o feminismo como un movemento de liberación que busca a igualdade entre as persoas

Todo pode mercarse con dólares?
Dólares, euros... Entendo que Estados Unidos é o emblema máximo do capitalismo. Permitiume ser máis explícita na condena a unha sociedade neoliberal que se agocha tras ese sentido común, do que tanto se fala, dunha crueldade infinita. Estase a ver agora cos recortes na sanidade ou na educación. Está moi estendida a idea de que é necesario recortar en todo. Hoxe hai xente que ten dereito a vivir e outra que non o ten.

A loita das mulleres contra o patriarcado é un dos temas máis importantes desta obra?
No libro hai moitos temas. En principio pode parecer denso mais ten unha serie de rexistros, ás veces coloquial, outras do cinema, outros narrativo, outras como de documental, polo que ten un ritmo menos denso o texto. A loita das mulleres está presente e considero que o feminismo é algo transversal, por iso aparecen tantos temas. Entendo o feminismo como un movemento de liberación que busca a igualdade entre as persoas. Non falo de sexos, non falo de xéneros... Falo de persoas. Afecta a educación, a maneira en que nos relacionamos homes e mulleres. É necesario procurar a liberdade de todas as mulleres, tamén daquelas que non participan do feminismo.

Cando di : “Aquelas que non cantan a pombas i frores aman a liberdade de todas as mulleres, tamén a das idiotas” é unha crítica a certa poesía “da beleza”?
Tamén. Esa literatura que se oculta da sociedade a través do “boismo” que oculta a profunda desigualdade social existente. Eu respecto a liberdade de toda persoa de escribir o que desexe, mais a min persoalmente interésanme máis, nos tempos que vivimos, @s que denuncian as inxustizas sociais. Aínda que entendo que existe tamén un valor na literatura que non é política.

Emprega varios idiomas ademais do galego (inglés, castelán, francés)...
O núcleo é o galego sempre. Eu son monolíngüe en galego mais fun castelánfalante. Gústame moito a frase de Sechu Sende que afirma que “o novo [email protected] será neofalante ou non será”. Os outros idiomas aparecen por unha cuestión estética de investigar nas fronteiras das moitas posibilidades que a linguaxe ofrece. O castelán permíteme empregar a ironía e o sarcasmo e reflectir unha realidade lingüística de moitas persoas da forza castelanizadora que tivo sobre min.

comentarios