Letras e Ideas

Ramón Villares: 'Unha axencia independente que promova a acción cultural no exterior evitaría duplicidades'

Ramón Villares: 'Unha axencia independente que promova a acción cultural no exterior evitaría duplicidades'

O presidente do Consello da Cultura Galega relator de “Cultura” no X Pleno do Consello de Comunidades Galegas
Centro Galego de Bos Aires
photo_camera Centro Galego de Bos Aires

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), participou no X Pleno do Consello de Comunidades Galegas que se está a celebrar en Compostela cun relatorio sobre cultura no exterior. O historiador defendeu a creación “dunha axencia de carácter independente que promova a acción cultural exterior, para evitar duplicidades e asignar mellor os recursos”. Non é a primeira vez que este tema entra a debate nos encontros que cada tres anos celebran as comunidades galegas. Agora Villares dálle unha volta considerando que é “fundamental a utilidade dos centros galegos creados na diáspora porque poden adoptar un novo perfil axeitado ás necesidades dunha sociedade amplamente globalizada”.

Villares pediu a conversión dos centros galegos “en lugares de prestación de servizos, tanto para as colectividades dos asociados como para o resto dos residentes”


A imaxe-marca de país
Villares, responsábel da palestra “Cultura, asociacionismo e acción exterior”, precisou que as iniciativas neste campo “son unha base fundamental para establecer unha imaxe-marca de país e deben ser entendidas no marco da chamada diplomacia branda ou diplomacia cultural”. Avogou tamén pola progresiva conversión dos centros galegos “en lugares de prestación de servizos, tanto para as colectividades dos asociados como para o resto dos residentes, actuando como unha antena de Galiza e da súa cultura”.

O presidente do CCG salientou o feito de que a cultura é “un dos grandes valores de Galiza como país cun perfil propio e pode ser utilizada para difundir a imaxe de Galicia no exterior e para mellorar as relacións con outros países e comunidades”. Lembrou que a cultura “fai parte esencial das actividades das Comunidades Galegas formadas no exterior desde hai séculos e, de forma máis directa, da construción da identidade cultural da Galiza contemporánea”. Ramón Villares apostou por “tecer redes de intercambio que permitan asentar o noso prestixio cultural cara a fóra e enriquecer a nosa propia vida cultural cara ao interior” e a respecto do idioma, sinal de identidade tamén preservada polo asociacionismo galego no exterior, afirmou que debería fortalecerse e complementarse “cunha concepción do galego como lingua de comunicación que facilite a permeabilidade dos falantes cos países de lingua portuguesa, nomeadamente co Brasil”.

Máis en Letras e Ideas
comentarios