Prolingua elixirá nova dirección e fará un chamamento polo 21-O

A Plataforma reactivarase a partir do sábado 15 de setembro despois de celebrar en Teo unha asemblea. Na orde do día figura un chamamento aos partidos e ás organizacións políticas.
Presentación Prolingua en Bos Aires
photo_camera Presentación Prolingua en Bos Aires

A Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega, Prolingua, celebrará o sábado 15 de setembro de 2012 unha asemblea onde elixirán nova dirección e farán un chamamento aos partidos e ás organizacións políticas con motivo das eleccións do 21 de outubro. Na orde do día darán a coñecer un informe das súas actividades e presentarán o novo sitio web. Na asemblea, segundo difunden na rede, "poderán participar e terán dereito ao uso da palabra todas as persoas que consten na listaxe de asinantes do manifesto, ás que sempre se tivo por membros de ProLingua". Para votar terán dereito "as persoas que con anterioridade ao 8 de agosto de 2012 (data en que se publicou na páxina web da plataforma a convocatoria da asemblea) fixeron algunha achega económica a ProLingua, independentemente da súa contía".

A asemblea comezará ás 10:30 horas no Auditorio do Centro Sociocultural da Ramallosa (Teo) e até 24 horas antes do comezo poderán presentarse candidaturas para a dirección de ProLingua. As candidaturas deberán ser pechadas cun mínimo de 10 persoas e un máximo de 15. Desas persoas polo menos 10 deben selo con dereito a voto na asemblea. Despois de constituída a nova cerna esta poderá, por motivos de operatividade, ampliarse até un máximo de 20 membros. As candidaturas deberán comunicarse por correo electrónico ao enderezo [email protected]

Prolingua xurdiu en 2009 e ten como obxectivos exclusivos a promoción do galego

Prolingua xurdiu en 2009 e foi creada "por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión que teñen como obxectivos exclusivos a promoción do galego como lingua propia de Galiza (e das comarcas estremeiras) e a consecución da súa oficialidade real, que pasa por unha presenza normal en ámbitos dos cales se mantén practicamente excluída, como a empresa, a xustiza e outros servizos públicos e privados, especialmente os medios de comunicación". Presentou un manifesto traducido a 34 idiomas e un libro, "55 mentiras sobre a lingua galega", coordinada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé Henrique Costas.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios