Poemas e imaxes do Paz Andrade máis íntimo

Achégase o 17 de maio e as presentacións arredor de Valentín Paz Andrade se aceleran. Fotografías do seu álbum familiar e poemas inéditos descóbrennos a súa face máis íntima.

O Consello da Cultura Galega é o responsábel da publicación do poemario inédito de Valentín Paz Andrade Canto do Pobo Disperso, que se presentou en edición facsimilar con transcrición e estudo introdutorio da profesora Mª Xesús Lama. O poemario está escrito en Bogotá en 1955 e nel destaca a presenza de Galiza como país emigrante.

Se coñecermos deste xeito os poemas inéditos do autor ao que a Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas, temos tamén a posibilidade de nos achegarmos ao seu álbum privado coa fotobiografía que tirou do prelo Ouvirmos, editora que xa publicou o pasado ano un volume similar sobre Lois Pereiro, que será engadido na súa colección en que se atopan tamén outras figuras como Álvaro Cunqueiro, García Lorca, Celso Emilio Ferreiro ou Manuel María.

Nesta ocasión, o álbum de Paz Andrade ofrécenos a posibilidade de percorrer en imaxes toda a súa traxectoria vital e profesional, desde o encarceramento que padeceu no franquismo até a súa faceta profesional. Miguel Anxo Seixas é o autor dos textos deste volume que recolle máis dun cento de imaxes do cartafol familiar de Paz Andrade. O libro estrutúrase en tres capítulos que dividen a súa biografía “1898-1936: Galiza labra a súa imaxe”, “1936-1975: Cen chaves de sombra” e “1975-1987: Sementeira do vento”.

A Academia celebrará os actos oficiais do Día das Letras Galegas en Vigo, na sede da Fundación Penzol.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios