O novo pensamento galego aborda as culturas minorizadas no seu primeiro encontro

Compostela acollerá do 6 ao 8 de xullo o I Encontro de nov@s pensador@s da man do Proxecto Derriba e o campUSCulturae.

slide_campusculturae

A Facultade de Filosofía da USC será o lugar no que se encontrarán por ver primeira @s nov@s pensador@s galeg@s. Será entre os días 6 e 8 de xullo e foi organizado pola asociación cultural para a promoción da filosofía contemporánea, Proxecto Derriba, e o campUSCulturae da Universidade de Compostela. 

O obxectivo deste primeiro encontro é, sinalan desde a organización, "pensar a peculiar situación da filosofía en Galicia" e, no concreto, a realidade que atinxe os "grupos culturais e lingüísticos minoritarios", como funcionan e como interactúan coas correntes e linguas predominantes. 

A iniciativa desenvolverase arredor de mesas de debate e confrontación de ideas nas que sentarán persoas procedentes de eidos e experiencias diversas á fin de lle outorgar unha "focaxe multidimensional" ao encontro. 

Programa

Neste senso, a xornalista Lara Rozados e a filosofa Adela Díaz abordarán a cuestión da feminidade nas prácticas discursivas contemporáneas. O profesor de Filosofía Óscar Horta desenvolverá un obradoiro arredor da situación da filosofía dentro e fóra da universidade que se completará cunha reflexión sobre novas prácticas culturais cooperativas con integrantes da Universidade invisíbel d'A Coruña, Antón Fernández Rota, da Universidade Cromática das virtudes, Mon Vúa, o proxecto Derriba, Abraham Rubín, ou os proxectos Montenoso, Fran Quiroga e Manu Cebral do laboratorio de software Algalab. 

O programa complétase cunha ollada ao panorama galega que contará coa profesora Comba Campoy achegándose ao teatro de títeres como medio de comunicación e resistencia popular. O xornalista Óscar Iglesias, sobre o panorama cultural galego e Isaac Lourido arredor do sistema literario centrándose no conflito coa literatura en castelán. 

Máis en Letras e Ideas
Comentarios