Na rúa o número especial de Sermos Galiza

A edición en papel de 'Sermos Galiza' tivo unha boa acollida no Día das Letras Galegas. Poderase descargar este especial desde a edición dixital.
Lendo 'Sermos Galiza' na manifestación de Queremos Galego

O xornal Sermos Galiza deu o salto ao papel hoxe coincidindo co Día das Letras Galegas. Foi nun número especial con artigos de Teresa Moure, Presidenta do Consello de Administración, Nestor Rego, Conselleiro Delegado, Carlos Callón, Presidente de A Mesa pola Normalización Lingüística, María Silvar, música, Neira Vilas, escritor, Carlos Quiroga, profesor, e a equipa de redaccion do xornal. As dezaseis páxinas do especial teñen moi en conta o accionariado que fixo posíbel que este proxecto saíse adiante. Por iso, na contracapa entrevístase o accionista de maior idade, Aristóbulo Quinteiro, labrego de Beade. No interior déuselle voz, cunha ducia de exemplos, ao total de accionistas de Sermos Galiza. Por último tres artigos apuntan o camiño que vai seguir a publicación e as diferentes sensibilidades que sairán semanalmente na edición en papel.

Na propia manifestación desta mañá Carlos Callón gabou que o galego volte aos quioscos. Millares de exemplares foron distribuídos entre @s participantes na mobilización e a partir de hoxe estarán distribuidos en varios puntos do país. Tamén se poderá descargar desde a edición dixital do xornal.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios