II CONVIVIO DA CULTURA GALEGA

Música popular para homenaxear a Manuel María en Outeiro de Rei

Pasadas as 11.15h, o patio da Casa de Hortas acollía o inicio do II Convivio da Cultura Galega, no que participan arestora perto de 500 persoas e que este ano cobra especial significado após de que a Real Academia Galega anunciara que o Día das Letras de 2016 estará dedicado a Manuel María.

Marcos Maceiras, Saleta Goi, Alberte Ansede, Rosalía Ferreiro e Manuel Ferreiro na ofrenda floral
photo_camera Marcos Maceiras, Saleta Goi, Alberte Ansede, Rosalía Ferreiro e Manuel Ferreiro na ofrenda floral

O acto deu comezo coas palabras de Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, quen explicou que o convivio, organizado pola Fundación, pola Federación Galiza Cultura e pola Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela, foi convocado baixo o espírito da romaría popular, tan querida polo escritor chairego. Precisamente, a música popular tradicional foi a protagonista da xornada matutina, que abriu cos acordes da Banda de Rábade-Begonte e coa Banda Xuvenil da Escola Musical de Rianxo.

Na súa intervención, Ansede enxalzou o papel das bandas de música e salientou que “os elementos da música popular representan unha tradición milenaria que é expresión dun xeito de vida e dunha maneira de ser”. Salientou o mundo “rico e vivo” da expresión musical das bandas e reivindicou Galiza como primeira potencia do Estado español en música de bandas, aínda que lamentou a súa presenza marxinal nas festas galegas.

Unha vez comezado o acto coas pezas das bandas, as persoas participantes no II Convivio da Cultura Galega, a primeira homenaxe que recibe Manuel María tras o anuncio da Academia, trasladáronse ao cemiterio para realizarlle a ofrenda floral ao escritor de Outeiro de Rei. Foi entón cando, ao pé da sepultura de Manuel María e citando a Pondal, tomou a palabra Manuel Ferreiro en representación do Padroado da Fundación: “Aquí jaz o que fora/noutro tempo cantor do eido noso”. “Eis pois, Bergantiños é Pondal, a Terra Chá é Manuel María; para o un e para o outro, Bergantiños ou a Chaira son patria galega, a nación enteira”. Nesta liña, sinalou que o autor chairego viviu “sempre ao servizo do proxecto común da redención nacional”.

Ferreiro salientou que Manuel María "estará hoxe feliz sabendo que o seu nome ficará para sempre ligado ao das Irmandades da Fala"

“Manuel estará hoxe feliz sabendo que o seu nome ficará para sempre ligado ao das Irmandades da Fala en 2016”, apuntou Ferreiro, “igual que as Irmandades, tamén Manuel María acreditou decote na patria común, na lingua de noso, na nación que nos une, resiste e persiste mentres as nosas vidas pasan”. Finalizou a ofrenda coas “boas e xenerosas” mensuras propostas por Manuel María “ferrados de corazón, fanegas de alma” de cara ao futuro que nos espera. 

Tras o Himno nacional, o convivio trasladouse á carballeira de Santa Isabel onde continuou a romaría popular coa presenza da Banda de Rábade-Begonte, da Banda Xuvenil da Escola Musical de Rianxo, da Banda de Música Solfa e do Coro da Asociación Cultural e Musical Solfa. O momento máis emotivo da mañá tivo lugar cando entre os carballos que tanto lle serviron de inspiración ao escritor homenaxeado soou a “Alborada para Manuel María”, peza de Carlos Seráns estreada co gallo do convivio e que interpretaron as tres bandas de maneira conxunta.

Na xornada da tarde, após o xantar popular, celebrarase o encontro aberto coas directivas das asociacións culturais que participan no convivio para trazar as liñas de traballo de cara á conmemoración do próximo ano. A tarde continuará coa foliada animada por Xurxo Souto na que participarán grupos de música e baile tradicional.


 

Máis en Letras e Ideas
Comentarios