Morreu Illa Couto, o último de Galaxia

O intelectual galeguista faleceu onte pola mañá en Vigo. Era Presidente de Honra de Editorial Galaxia e co-fundador da editora en 1950.

Xaime Illa Couto finou onte en Vigo a idade de 97 anos. Ensaísta, avogado, economista, animador cultural e político do galeguismo foi, xunto a Francisco Fernández del Riego, o fundador da Editorial Galaxia en xullo de 1950. Naceu na Compostela de 1915 pero de pequeno acompaña a súa familia a Vigo onde estudará Maxisterio e Comercio e realizará a maior parte da súa vida laboral. En 1934 participou na creación da Federación de Mocidades Galeguistas sendo o seu secretario xeral en Vigo. Neses anos tamén participou no proxecto do Seminario de Estudos Galegos e no Partido Galeguista. Coa chegada da represión posterior a 1936 entrou, como moitos da súa xeración, nun longo exilio interior. Foi a partir da saída do suplemento Literario do xornal La Noche en Santiago de Compostela primeiro e co proxecto de Galaxia despois cando a súa actividade intelectual volveu a luz pública.
Desde Galaxia participou na creación de numerosas plataformas culturais: a Fundación Penzol (1963), a Fundación Otero Pedrayo (1979) e a Fundación Illa Couto (1987). Tamén formou parte doutros proxectos editoriais como a editorial Sept (1966)  ou a dirección entre 1958 e 1968 da Revista de Economía de Galicia. En 1999 ingresou na Real Academia Galega e foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.

Máis en Letras e Ideas