DO 1 AO 10 DE AGOSTO NOS XARDíNS DE MéNDEZ NúñEZ

Mercedes Queixas reivindica a cidade das palabras no pregón da Feira do Libro da Coruña

A escritora e colaboradora de Sermos Galiza Mercedes Queixas foi a pregoeira da XLIV Feira do Libro da Coruña, inaugurada este mediodía nos Xardíns de Méndez Núñez e que permanecerá aberta até o 10 de agosto con 34 casetas e perto dun cento de actividades.

queixas
photo_camera queixas

XA escritora coruñesa Mercedes Queixas foi a encargada de ler o pregón que abriu a Feira do Libro da Coruña. Fíxoo, tal e como nos conta en conversa con Sermos Galiza, cunha intervención literaria na que tamén tivo cabida a perspectiva de barrio. Veciña dos Mallos-Estación, Queixas revelou que foi a través do rueiro como teceu toda unha historia galega con importantes fitos na literatura.

“Esta cidade é unha sucesión de quilómetros cero desde onde pode percorrerse a memoria da cidade a través de moitos escritores e escritoras que foron facendo unha gran cidade literaria”, salienta. Rosalía, Curros Enríquez ou Lois Peña Novo, apunta, servíronlle para transitar a cidade a través das palabras e dos libros.

Queixas aproveitou a súa intervención para reivindicar que A Coruña desenvolva un papel fundamental o ano que vén á hora de homenaxear as Irmandades da Fala, polo centenario da súa creación, e a Manuel María, por ser o elixido para dedicarlle o Día das Letras de 2016. “Sería unha boa ocasión para dedicarlle rúas da cidade a Manuel María e a Antón Vilar Ponte, así como ás Irmandades da Fala”, indica.

O "Poema da cidade alta", de Luísa Villalta, que describe A Coruña ao longo da súa historia e como un referente dentro do Reino de Galiza, serviulle á colaborada de Sermos Galiza para finalizar a lectura do pregón. Queixas lembrou que esta obra de Luísa Villalta remata coas palabras que presiden a casa do Concello, “cabeza, garda e chave, forza e antemural do Reino de Galiza".

A XLIV edición da Feira do Libro permanecerá aberta até o 10 de agosto

A XLIV edición da Feira do Libro permanecerá aberta até o 10 de agosto nos Xardíns de Méndes Núñez con perto dun cento de actividades en 34 casetas para achegar a lectura a todos os públicos en horario de 11h a 14h e de 18h a 22h.

O acto de inauguración, no que participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro ou o concelleiro de Cultura, José Manuel Sande, non estivo exento de polémica pola interpretación mutilada do Himno galego a cargo da Banda Municipal, que pechou o acto coa interpretación do himno español. Este feito provocou numerosas queixas nas redes sociais ao longo da tarde.

A feira coruñesa está enmarcada no programa de Feiras do Libro de Galiza 2015, promovidas pola Federación de Librarías de Galiza. Dentro deste mesmo proxecto, durante o mes de agosto, tamén terán lugar as feiras do libro de Viveiro (do 13 ao 16 de agosto), de Foz (do 20 ao 30 de agosto) e de Monforte (do 26 ao 29 de agosto).

Máis en Letras e Ideas
Comentarios