No libro "As que rubimos as montañas"

Man a man, poetas etíopes e galegas

“Un esforzo colectivo das que subimos as montañas man a man”. Así se presenta As que rubimos as montañas, un libro publicado por Implicadas no Desenvolvemento que recolle poemas de trece mulleres, seis etíopes e sete galegas.

Ningún nome das seis mulleres etíopes que se recollen en As que rubimos as montañas contan con referencias previas no noso panorama literario. Mihret Kebede, Tigist Mituku, Misrak Tefere, Azeb Yosef, Yemodish Bekele ou Abebech Diriba teñen difícil entrada no mundo editorial occidental. De Etiopía chegan por veces noticias mais case ningunha se dirixe ao ámbito literario ou cultural. Se a literatura etíope está minorizada, inexistente é máis alá das súas fronteiras a produción poética das mulleres, a que agora se recolle no libro publicado non por unha editorial comercial senón pola ONG Implicadas no Desenvolvemento, para quen este encontro cultural entra dentro dos seus plans de cooperación co país africano. Tres das seis poetas non teñen ningún libro publicado en Etiopía, malia desenvolveren todas unha actividade literaria propria.

De Etiopía descoñécese case todo menos as imaxes de fame que as veces agroman nos telexornais. Co libro preténdese pór luz sobre unha cultura que existe, sobre unha literatura viva e sobre unhas poetas que teñen na súa voz e a súa obra unha das armas para cambiar o futuro. “Nun país onde publicar resulta complexo, onde os índices de analfabetismo entre as mulleres son extremadamente elevados, as súas palabras son aínda máis un regueiro de luz que corre por entre a esencia verde e vital do país montañoso” sinálase no texto de apertura do libro de Implicadas, organización que comezou a traballar en Etiopía en 2003.

Espello da sociedade

“A boa literatura reflicte a vida e o espírito dun pobo. As escritoras e escritores poñen un espello diante da súa sociedade e esta atopa expresión a través de autores e autoras” comenta na introducción do libro a presidenta da Asociación de Escritoras Etíopes, Yemodish Bekele, unha das autoras que toma parte na antoloxía. A obra das poetas africanas escrita en ahmárico chega ao galego desde a súa tradución ao inglés, tránsito realizado por María Reimóndez.

Antía Otero, María do Cebreiro, María Lado, Lucía Aldao, Estíbaliz Espinosa, Marga do Val e María Reimóndez son as voces galegas que ruben canda elas montañas etíopes. O encontro poético evoca Vanakkam Benvidas, antoloxía de poetas galegas e tamiles publicado con anterioridade por Implicadas no Desenvolvemento.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios