Loito literario nun México que perde a Carlos Fuentes

A literatura mexicana perde un dos seus nomes máis destacados. O escritor Carlos Fuentes morría esta terza feira na Cidade de México aos 83 anos, cando preparaba Personas, un libro en que retrata vinte personalidades que o autor destaca na súa contemporaneidade.
Carlos Fuentes
photo_camera Carlos Fuentes

No mes de xuño agárdase que vexa a luz a que será xa obra póstuma, en que Carlos Fuentes estaba a traballar. En Personas retrata biografías, coñecidas ou non por el, mais que deseñan dalgún modo a personalidade dunha das grandes voces da literatura latinoamericana, a do escritor mexicano que morreu na terza,  día 15. O romance Federico en su balcón. engrosará tamén a conta de libros do autor.

Susan Sontag, Alfonso Reyes, María Zambrano ou Pablo Neruda serán algunhas das personalidades que compoñan o libro póstumo de Carlos Fuentes, falecido por un problema cardíaco na Cidade de México, con 83 anos. O seu editor mexicano, Ramón Córoba, fixo público que aínda a sexta feira o autor adiantou os libros que entregaría o próximo ano: o romance El baile del centenario e o libro Pantalla de plata,  en que comentaba as súas películas preferidas até os anos corenta, do que o autor xa tiña avanzada a súa elaboración.

Premio Príncipe de Asturias en 1994, a de Carlos Fuentes é unha das voces máis destacadas da literatura latinoamericana nunha traxectoria que comezaría en 1954 co seu libro Los días enmascarados. Membro da coñecida como xeración do boom latinoamericano, La muerte de Artemio Cruz, Zona Sagrada, Cambio de Piel ou Gringo viejo, son algunhas das súas obras máis coñecidas.

Para este ano contaba ver publicado o romance Federico en su balcón, que quería presentar na Feira de Guadalajara. Con La gran novela latinoamericana, quixo ofrecer o seu particular canon literario nun proxecto que non estaría exento de polémica, entre outras cousas, por esquecer ao escritor Roberto Bolaño.

Analista e crítico coa política mexicana, o seu país chora a súa morte, desde o presidente que deixou palabras de loito nas redes sociais até as súas compañeir@s do mundo literario, como o presidente da Academia das Letras ou a escritora Elena Poniatowska.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios