Libros “a toda mecha” en Compostela

As editoriais de Compostela andan aceleradas. Teñen un feixe de novidades e queren facelas públicas por conxunto e sen demora. Por iso idearon o “Express Literario” que se desenvolverá o día 26 ás 20 horas na praza Salvador Parga.
O exprés literario
photo_camera O exprés literario


Convocan os vivos e conxuran os mortos. Tod@s a unha, encontraranse detrás da Igrexa das Ánimas, na praza Salvador Parga ou, no caso de a chuvia acompañar, no Pub Medusa. O límite está nos 10 minutos que se lle permiten a cada presentación do libro. O cartel é amplo e de cultura xeral é adiviñar cales deles estarán presentes e cales serán invocados no acto. Paula Carballeira, Rosalía Fernández, Samuel L. Paris, Lupe Gómez, Wislawa Szymborska, Leonel Moura, Gonzalo López Abente, José Goás, Armando Requeixo Mario Regueira H.P. Lovekraft o Gran Cthulhu e Fernando Cimadevila aparecen na convocatoria, aínda que, por lei de vida, algún destes nomes teñen máis que xustificada a ausencia. 

Sirnerxía local

A idea é un dos novos proxectos das editoriais de Compostela, que non é a vez primeira que se xuntan en proxectos conxuntos co fin de facilitaren a produción e promoción dos libros. O primeiro oulet do libro galego foi organizado por eles no centro comercial Area central, decidiron ter presenza de forma conxunta nalgunhas feiras do libro e agora teñen previsto entrevistárense as catro co director da Feira do Livro de Porto. Coa actividade do sábado comezan unha xeira de achegamento dos libros e autores ás persoas lectoras en xuntanzas que ben poden ter nos bares o seu punto de encontro. Un dos promotores é Paco Macías, de Edicións Positivas, para quen “os editores teñen que agruparse a nivel local e unirse no ámbito galego mais, en especial editoras pequenas con perfís tan distintos como é o noso caso teñen moito que gañar cunha acción conxunta. Isto é o inicio de algo novo, non sabemos aínda ben a dimensión, pero distinto”.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios