Homenaxe nacional a Agustín Fernández Paz

A plataforma cidadá ProLingua está a organizar unha Homenaxe Nacional ao escritor Agustín Fernández Paz. Terá lugar o día 30 de xuño en Vigo.

 

Agustín Fernández Paz
photo_camera Agustín Fernández Paz

ProLingupa está a preparar a homenaxe que se lle renderá a Agustín Fernández Paz o día 30 de xuño no Centro Social Novacaixagalicia (Rúa Policarpo Sanz, 26) en Vigo. A escritora Rosa Aneiros será a encargada de conducir o acto de homenaxe que será seguido dun xantar para o que é preciso se anotar con anterioridade. O número de prazas é de 250. Para as reservas compre dirixirse ao correo electrónico [email protected]

Agustín Fernández Paz é un dos autores máis recoñecidos da literatura galega, con medio cento de títulos que lle dan ademais o posto de privilexio do escritor máis traducido e máis lido das nosas letras. O autor de Cartas de inverno é tamén un dos máis firmes activos no proceso de normalización lingüística do galego e, desde os seus inicios como promotor do colectivo Avantar ou a Nova Escola Galega pulou para que a nosa lingua estivese presente en todos os ámbitos de actuación e, en especial, no ensino. Membro fundador de Prolingua, unha das súas últimas actuacións nesta liña é a lectura na Praza da Quintana do manifesto "Voares de esperanza" na manifestación en defensa da lingua do día 17 de maio. 

O importe do xantar será de 40€ e deberá ingresarse na conta de Novagalicia Banco número 2080 0220 94 3000030913, co nome e a lenda “Homenaxe a Agustín Fernández Paz”.  

Máis en Letras e Ideas
Comentarios