Gagarin e Os Diplomáticos, entre os protagonistas dos libros galegos máis vendidos en xuño

'A Viaxe de Gagarin', de Fernández Paz, en narrativa, e 'Non Temos Medo', de Rodri Suárez, en ensaio, encabezan a táboa que publica Caderno da Crítica, que tamén destaca a Marta Dacosta en poesía e Rosa Aneiros en xuvenil.

táboa
photo_camera Rodri Suárez e Fernández Paz.

Coñecéronse os resultados da táboa de ventas de libro galego que publica cada mes Caderno da Crítica, a cargo do profesor Ramón Nicolás. E nesta ocasión, a listaxe confeccionada grazas á colaboración de varias librarías do país, once no que respecta a xuño, ofrece uns resultados moi diversos, con nomes xa consolidados mais tamén algunha sorpresa.

En Narrativa, confírmase o éxito de 'A Viaxe de Gagarin', de Agustín Fernández Paz, (Xerais) que volve a ser o libro máis vendido, seguido por 'Orlando. Unha Biografía' de Virginia Woolf (Irmáns Cartoné) -con tradución de Celia Recarey- e 'Os Televisores Estrábicos' de Ramón Vilar (Xerais).

En ensaio, a lista está encabezada por 'Non Temos Medo' (Nicetrip Edición) a biografía de Os Diplomáticos de Monte Alto escrita polo xornalista Rodri Suárez -colaborador de Sermos Galiza- namentres que o segundo lugar entre o máis vendido é para Alfonso Eiré con 'Eu Estaba Alí' (Hércules) a seguir de Henrique del Bosque e o seu 'E logo, Temos Razóns para ser Nacionalistas?' (Xerais).

En poesía encabeza a táboa 'Dun Lago Escuro' (Xerais) de Marta Dacosta e despois aparece 'A Segunda Lingua' (Pen-Clube) de Yolanda Castaño. En literatura xuvenil, o máis vendido é 'Ámote Leo A. Terminal de... Chegadas?' de Rosa Aneiros seguido por 'Recinto Gris' de Ledicia Costas, ambos publicados por Xerais. Por último, en infantil destaca 'Rosa Caramelo' de Adela Turín (Kalandraka).

As librarías que participaron na confección na listaxe foron Suévia, Miranda, Carricanta, Biblos, Andel, Cartabón, Aira das Letras, Couceiro, Libros para soñar, Librouro e Lila de Lilith.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios