Fernández Paz, proposto para doutor Honoris Causa

Unha carta asinada pola AELG reclama o "xusto e merecido" recoñecemento para o escritor de Vilalba uns días antes da Homenaxe Nacional que Prolingua organizou en Vigo para loar a súa traxectoria
photo_camera Imaxe: Riobo Prada

Agustín Fernández Paz vén de ser proposto pola Asociación de Escritores en Lingua Galega --AELG-- para o nomeamento como Doutor Honores Causa en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, nunha carta asinada por Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas. Tal e como informa o colectivo de autor@s, é este o primeiro paso nun camiño cuxo final se coñecerá nos vindeiros meses. "Agardamos que remate co xusto e merecido recoñecemento".

Ao medio cento de títulos que ten publicados, Fernández Paz vén de sumar máis dous novos na colección de narrativa: Aire Negro --que publicara en Xuvenil nos anos 90-- e As fronteiras do medo. Xogando con dúas constantes da súa obra, o medo e o misterio, o escritor de Vilalba recoñeceu nunha entrevista publicada no primeiro número do semanario Sermos Galiza que gosta de botar man "de elementos que foron importantes na miña biografía".

"Pertenzo a unha xeración na que estaba vivia a crenza de que os mortos non nos abandonaban, senón que permanecían entre nós. Estaba no noso ámbito rural, do que proveño, mais logo decateime de que se repetía en todo o mundo". Ao preguntarlle polo aprecio que tanto el como a súa obra espertan na persoa leitora, respostou humilde que se sente afortunado: "se non o dixese mentiría".

A Plataforma para a defensa e promoción da lingua galega --Prolingua--, da que Fernández Paz fai parte, fíxose eco xa da proposta da AELG. "É unha excelente nova", que vén sumarse aos méritos "literarios, científicos, lingüísticos e patrióticos" que do autor destacaron algúns membros do Departamento de Filoloxía Galega. Prolingua lembrou que o vindeiro 30 de xuño terá lugar na cidade olívica a Homenaxe Nacional a Fernández Paz.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios