Diario desde Támil Nadu

María Reimóndez, presidenta de Implicadas no desenvolvemento (www.implicadas.com), atópase en Tamil Nadu (India) realizando o seguimento dos proxectos que a organizacion ten en marcha no país con activistas tamiles. A través dunha serie de crónicas achegaranos as súas experiencias persoais no decorrer da súa estadía. Neste espazo, iremos pendurando cada unha delas.
photo_camera Grupo Om Shakti

Motivos de orgullo

As mulleres aparecen vestidas co seu uniforme e nas súas caras pódese ler o orgullo. Non é para menos pois o seu grupo de axuda mutua nos cinco anos que leva en funcionamento, conseguiu xa non só que todas as mulleres teñan os seus propios negocios (unha delas ten un centro de costura propio, co seu local e todo) senón o respecto de toda a comunidade. As veciñas achéganse a elas para que lles ensinen a formar un grupo de aforro novo. O seu orgullo queda claro no cartel que colocaron na rúa onde viven para que todo o mundo saiba da súa existencia. Mais se cadra o indicador máis importante do seu éxito fique lonxe de todas estas cousas. Cando alguén lles fixo saber que se precisaba comida nun orfanato da cidade o grupo reuniu cartos e aprovisionou o centro. Este tipo de accións implican un cambio de mentalidade que está na cerna dos grupos de axuda mutua e que se resume en cambiar dun papel pasivo a un papel activo, xusto o que promove a nosa campaña Cambia de papel (www.cambiadepapel.org). Crer que podemos cambiar o que nos rodea e que non somos só vítimas das circunstancias. Cando as circunstancias son tan duras como aquelas das que partiron as mulleres do grupo Om Shakti, o orgullo é tamén moito maior.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios