Centenario de Celso Emilio Ferreiro

A Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria prepara un concerto de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no centenario do seu nacemento, o 14 de xuño no Centro Cultural Novagalicia de Vigo, con entrada de balde.

Ataque Escampe, Coke Céspedes, Patricia Moon, Frans Banfield, Davide, e a Coral de Beade poranlle música a un recital conducido por Yolanda Castaño, que contará con Iolanda Zúñiga, Rexina Vega, Inma López Silva e Alonso Montero, amais das alumnas da Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) e mais estudantes de bacharelato do IES Álvaro Cunqueiro.

No 2012, Ano Celso Emilio Ferreiro, fanse cen anos do nacemento do escritor e cincuenta do seu poemario máis coñecido, Longa noite de pedra. Concertos, edicións conmemorativas, xornadas e unha mostra interactiva, son algunhas das propostas para celebrar esta efeméride.
A exposición, actualmente na Casa da Xuventude de Ourense, poderá visitarse desde o 11 ata o 28 de xuño na biblioteca nodal de Vigo.

Pola súa banda, a Real Academia Galega celebrará mañá na Celanova natal do poeta un pleno extraordinario no Auditorio Municipal, en que intervirán Margarita Ledo Andión, Darío Xohán Cabana, Francisco Fernández Rei, Salvador García-Bodaño e Xosé Luís Méndez Ferrín.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios