Celso Emilio, arraiano universal


"Pode o corpo ser vencido, pode o dereito ser torto/ mais o lume que alampea xamais o veredes morto", deixou escrito o poeta no seu "Notas necrolóxicas". Como cada ano polo seu cabodano, esta sexta 31 de agosto a asociación Arraianos faille unha homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, coincidindo co ano en que se conmemora o seu centenario.

 

Na súa Celanova natal, Celso Emilio Ferreiro será nomeado Arraiano universal. A asociación que organiza esta homenaxe realiza un roteiro poético e musical na mañá desta sexta, que rematará no cemiterio de San Breixo, cunha ofrenda floral.

Alí será nomeado o profesor Xesús Alonso Montero como Arraiano Maior da Raia Seca do 2012, polos seus traballos en materia de sociolingüística e literatura galega. Entregarallo o Arraiano Maior do ano pasado, o escritor Bento da Cruz. No ano 2010 foi o Padre Fontes, e en 2009, o primeiro ano que se realizou este nomeamento, Xosé Luís Méndez Ferrín.

Xa pola tarde, haberá unha festa de fin de rodaxe do documental biográfico que a asociación está a preparar sobre o poeta. Dirixido por Aser Álvarez, o documental presentarase a finais de ano, e percorre lugares de Celanova como a Taberna do Galo ou os xardíns de Curros Enríquez. Ás cinco, o claustro barroco do mosteiro celanovés acollerá de novo música e poesía.

"Somos uns afortunados por ter persoas tan significativas na nosa terra”, din Arraianos no seu blog. "Eles son eses faros que nos permiten descubrir novas sendas (...) Eles son luz e semente nova, que nos permite avanzar e interpretar a realidade de forma dinámica. Unhas veces con palabras e obras, e outras con silencios estanos a indicar que é tempo de sementeira, que é tempo de sementar, que é tempo de innovación, que é tempo crear, de innovar e de pórse a andar".

Máis en Letras e Ideas
Comentarios