Decorre en Braga a primeira edición das Jornadas "Galiza mais perto"

Á procura de áreas de converxencia en eidos como a literatura, a lingua e a música galega. Ese será o obxectivo das I Jornadas Galiza mais perto, que decorrerán o 14 e o 15 de xuño na Universidade do Minho, en Braga.
photo_camera Mercedes Queixas, secretaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega

O encontro está organizado polo Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, en colaboración coa Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, (AELG) e co fin de aproximar, en palabras da organización, “dúas realidades que partillan unha historia, unha lingua e unha cultura”.

As jornadas disertarán, entre outros temas, sobre a literatura galega e portuguesa actual, a tradición oral galego-portuguesa ou a historia da lingua galego-portuguesa. Entre as persoas que intervirán estará Mario Regueira, que analizará a resistencia política na narrativa galega contemporánea, e Mercedes Queixas, que  abordará a historia recente da literatura galega a través da AELG.

O profesor da Universidade de Estremadura, Alberto Pombo, abondará no desleixo ao redor da música galega.  Alén o estritamente cultural, Artur Jorge Barroso, da Universidade do Minho, incidirá nas oportunidades financeiras, económicas e sociais que supón a eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. O profesor Carlos Pazos, tamén da universidade lusa, falará da imaxe das e dos galegos alén o Miño.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios