Caxade: 'Estou polas redes como medio de difusión'

Músico 'multigrupal', fai parte do Cuarteto Caramuxo, PELdeNOZ, CabRaret e a Orquestra Os Modernos, ademais de colaborar con formacións tan diferentes como The Homens, Roi Xordo ou Ruxe Ruxe. Agora comeza un novo proxecto en solitario en que conta co público como o seu mellor crítico.
Alonso Caxade
photo_camera Alonso Caxade

Alonso Caxade gravou varias pezas que presentará nas redes estes días. A primeira leva por nome “Dança dos Moscas” e xa tivo 200 visitas no seu primeiro día. As seguintes serán "Gente Pota" e "Sr. Xorda".


Porque un proxecto en solitario?
Sempre participei en proxectos grupais e levaba un tempo pensando en facer un proxecto individual. Non por nada senón como un acto de facer as cousas eu só. Aínda así, se toda vai ben, ao final nas presentacións finais formarei unha banda. Polo de agora vou ir publicando pouco a pouco o repertorio que arranxei, gravado nun estudo moi modesto que teño na casa. A idea é ir facendo vídeos, ir publicando e vendo a reacción do público.

Haberá máis vídeos entón?
Haberá, aínda que moi modestos. A miña idea é facer unha triloxía e se as cousas van ben mesmo algún máis. Se non gostan pasar ao traballo enteiro e realizar directos. As redes decidirán. En todo caso non quero poñer o carro diante dos bois. Hai creatividade mesmo para facer produtos potentes mais a sociedade coido que non está hoxe para o seu consumo. Hai moito medo a consumir... mais iso é outro tema.

'Hai creatividade mesmo para facer produtos potentes mais a sociedade coido que non está hoxe para o seu consumo'

As redes sociais son importantes para o teu proxecto?
En xeral, as redes rematan converténdose nunha maneira que non sei se é decisiva mais si importante. É unha maneira de chegar a moita xente e ademais esta mesma xente pode difundir despois o que fixeches. O acceso final desde que hai correo electrónico ou carta mais no Twitter, Facebook, Vimeo ou YouTube. Para min, que non son unha persoa moi coñecida, tal e como está o mercado da música en Galiza é moi útil. Eu ademais teño unha postura favorábel ao copyleft , contraria á SGAE, estou polas redes como medio de difusión.

Como definirías a nova experiencia que comezas agora?
Xa teño cinco temas rematados que publicarei por partes como estratexia nas redes sociais. Non sei moi ben cal sería a súa definición mais eu tiven sempre dúas ideas moi claras: que o fondo fose de música tradicional galega, neste caso na “Dança dos Moscas” un pasodobre, e a un tempo que non semelle música tradicional. Pódese dicir que é algo semellante ao que fago noutras formacións en que toco como en PELdeNOZ ou Caramuxo mais separándome máis da tradición. Por exemplo nalgún tema cunha base de muiñeira con pandeira e logo cun arranxo, aínda que non me gusta moito a etiqueta, máis “indie”.

Caxade | Dança dos Moscas from Alonso Caxade on Vimeo.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios