Burela analiza a emigración nas 'II Xornadas de Historia Local'

O 'Colectivo Cultural Buril' de Burela organiza, por segundo ano, unhas xornadas para achegar á cidadanía a historia de Burela e da Mariña. Nesta edición falarase, entre o 7 e o 9 de agosto, de emigración e inmigración.
En Burela as  'I Xornadas de Historia Local'
photo_camera En Burela as 'I Xornadas de Historia Local'

Xurdiron da inquedanza por coñecer algo máis da historia de Burela e da Mariña hai un ano. Despois do éxito de asistencia e o interese que provocou o Colectivo Cultural Buril decidiu continuar coa idea. "Comezamos cunha temática variada", comenta Rosana Valle, presidenta deste colectivo, "dedicada a José António Lestao, unha figura clave do ensino en Burela, e tamén cunha saída para coñecer a toponimia da zona". Coa resposta positiva, tendo en conta que estamos en época de verán, decidiron repetir a experiencia. "Durante o ano perfiláronse varios temas, e temos moitos", asegura a presidenta do colectivo, "ao final decidímonos pola emigración, un asunto que pode ser común mais chegamos á conclusión que é descoñecido en realidade na Mariña".

A emigración é un tema que interesa en Burela e en toda a comarca. Da marcha por motivos de traballo ou represión de galegos e galegas pasouse a recibir poboación de fóra que chegaba, tamén, na procura dun futuro mellor. Como moi ben indica Rosana Valle, na zona hai uns 20 colectivos de varias nacionalidades “e a xente quere ter máis información”. Por este motivo as xornadas deste ano comezarán cunha conferencia de Herminia Pernas Oroza sobre "Facer as Américas. A emigración burelá a Ultramar no primeiro terzo do Século XX" (7 de agosto, 20:30 horas) para seguir con Luzia Oca González que disertará sobre "Recuperando a historia da comunidade caboverdiana de Burela (1977-2012)" (8 de agosto, 20:30 horas). As xornadas rematarán cunha achega histórico-artística sobre o estado de conservación á Igrexa da Vila do Medio a cargo de Lucía Bouza Orosa (9 de agosto, 20:30 horas) e poder apreciar as súas pinturas murais.

Rosana Valle: Na zona hai uns 20 colectivos de varias nacionalidades “e a xente quere ter máis información”.

Actividades de todo o ano
Este colectivo de Burela realiza actividades todo o ano que promociona a través do seu blogue. "Temos xornadas de xogos tradicionais, conferencias, saídas, depende das inquedanzas d@s participantes do colectivo". Asemade, promocionaron a lectura no mes de maio a través dun maratón e botaron unha man ao medio ambiente coa limpeza do coído do Perdouro coincidindo co Día Mundial dos Océanos.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios