As novas editoriais apostan pola tradución

Punto G e Hugin e Munin, dous proxectos con poucos meses de vida, dan a coñecer en galego a literatura universal

Apostar polo mercado do libro cos tempos que corren é algo máis ca unha aventura. En decembro pasado o filólogo Alejandro Tobar apostou por crear unha editorial, Hugin e Munin, coa arela de introducir no mercado galego títulos de literatura estranxeira de prestixio. “Publico só a literatura de fóra que me gusta” asegura Tobar nunha primeira declaración de principios. Arriscado? Segundo se mire. Os primeiros títulos foron Servizo de Correos de Charles Bukowski, O forasteiro misterioso de Mark Twain, Cita con Rama de Arthur C. Clarke e Venecias de Paul Morand. Xa está a traballar nas traducións de Pier Paolo Pasolini, Alexandros Papadiamandis, Edgar Wallace e Raymond Roussel. O sistema de comercialización  deste proxecto está moi estudado e introduce un funcionamento semellante ao dos clubes de lectura: manterase con subscritores que permitan a publicación de oito libros ao ano, dous cada trimestre. Como innovación introduce a posibilidade de dar de alta unha segunda subscrición a nome dun centro de ensino do país.
Un caso diferente é o de Punto G Edicións, a editorial de obras da literatura universal de gran impacto comercial ou cultural, os denominados best sellers que noutras linguas deron grandes beneficios económicos. Xurxo Bértola, o seu promotor, apostou polo de agora por dar a coñecer en galego O Clan do oso das cavernas de Jean M. Auel. Esta obra forma parte dunha saga que conseguiu  namorar a máis de 45 millóns de persoas en todo o mundo. “O seguinte volume, O val dos cabalos, sairía para outono-nadal se o primeiro funciona a nivel de vendas”, afirma Bértola Traballa coa distribución tradicional en librarías e a posibilidade de mercar a través a súa web na que tamén se pode descargar, de balde, os dous primeiros capítulos.

 

 

Máis en Letras e Ideas