Anxo Angueira porase á fronte dunha Fundación Rosalía “en estado de emerxencia”

O padroado da Fundación terá esta sexta, día 1, unha fácil elección. Votará a candidatura única que ten á fronte, na condición de presidente, o escritor Anxo Angueira. O seu obxectivo é que a entidade con sede na Casa da Matanza sobreviva despois dunha situación de emerxencia.

O perfil de Anxo Angueira ten moitos elementos que o fai especialmente acaído para ocupar o posto da presidencia da Fundación Rosalía de Castro. Estudoso da súa obra, rosaliano de convicción e mesmo de paixón, natural das terras de Iria, vencellado de xeito familiar e biográfico a Padrón, dinamizador e promotor da figura da escritora, os datos conxúganse no perfil de Angueira para agardar que poña toda a súa enerxía en tirar para adiante coa Fundación Rosalía de Castro.

Da man de Angueira naceron proxectos renovadores arredor da figura de Rosalía de Castro, que daban forza á grandeza da poeta e situábana tamén nos nosos tempos. Exemplo diso é a guía Terra de Iria. Viaxe ao País de Rosalía de Castro (A Nosa Terra) ou o proxecto Rosalía XXI promovido pola Consellaría de Cultura en 2008 en que Angueira presenta unha Rosalía en clave de jazz con Abe Rábade como compañeiro de excepción. Angueira ten ademáis unha recoñecida obra poética, investigadora e narrativa á que vén de engadir o novo título Iria (Edicións Xerais).

Candidátase o escritor á presidencia da Fundación Rosalía de Castro cunha listaxe de consenso e sen que ningunha outra se presente á elección. Se todo for segundo o previsto, esta sexta feira tornarase presidente dunha entidade que colle “en estado de emerxencia”. Recoñece, nese sentido, o traballo de quen o antecedeu, de forma especial a Helena Villar ou tamén Sixto Seco, polo seu labor de conseguir manter unha fundación que leva ben tempo acusando problemas para se soster.

Na súa cabeza rondan xa proxectos de longo alcance, mais o programa mínimo pasa por superar a situación de crise en que a Fundación se atopa. “Cómpre conseguir que non desapareza, que se manteña e sobreviva porque a casa museo en si mesma é un lugar simbólico da nosa cultura” sinala.
No horizonte está a celebración o ano que vén do 150 anivesario de Cantares Gallegos e conta que, daquela, a Fundación “estea xa preparada para conmemoralo como a data merece”.


Potenciar a Casa Museo, afortalar os vínculos con Padrón e mesmo dinamizar o Centro de Estudos, son algúns dos proxectos que quere botar a andar na súa xestión. Anxo Angueira chegará á presidencia da Fundación despois da dimisión no pasado mes de abril da tamén escritora Helena Villar, que sucedera á súa vez a Agustín Sixto Seco.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios