Angueira promete 'defender a casa de Rosalía contra todo'

O acto de conmemoración do 127 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro foi, ao mesmo tempo, a presentación do novo proxecto de Anxo Angueira para a Fundación. Notouse cunha asistencia máis numerosa que noutras edicións.
Luz Pozo Garza no 127 aniversario de Rosalía de Castro
photo_camera Luz Pozo Garza no 127 aniversario de Rosalía de Castro

A Casa da Matanza, en Padrón, lugar simbólico para a poeta-muller inmortal que é Rosalía de Castro para Galiza, acolleu onte unha edición máis do acto principal dos que cada ano organiza a Fundación que xestiona o seu legado: a conmemoración do seu pasamento. Polo número de persoas asistentes, unhas 150 ocuparon o recinto, semellou que o novo rumbo da entidade interesaba moito.

Máis aló dos parlamentos agardados de Xesús Alonso Montero e Xosé Ramón Barreiro Fernández, este último a falar do seu libro sobre Murguía publicado pola Editorial Galaxia, a verba literaria foi a que emocionou. A escritora Luz Pozo Garza, fóra do programa previo, dedicou a Rosalía un dos seus poemas.

A situación tensa que vive hoxe o mundo da cultura galega, cos recortes cada vez máis evidentes mesmo en sectores como as fundacións históricas, notouse no discurso do Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Nervios máis que evidentes cando estaba a desculpar a presenza do Presidente da Xunta, nunha viaxe por América, aínda que anunciara todo tipo de apoios na nova andaina da Fundación.

E un discurso final do novo presidente da Fundación, Anxo Angueira Viturro, que non deixou indiferente pola consistencia e claridade. Nomeou @s antecesor@s no cargo preparando o terreo a unhas posíbeis críticas a súa xestión. A Casa de Rosalía vai remodelar, segundo Angueira, o seu modelo museográfico e de discurso co obxecto de aproveitar o número importante de visitas que ten ao longo do ano.

Reivindicou a Rosalía que vai máis alá da poeta e non deixou de lembrar que para o ano celébrase o 150 aniversario da publicación de 'Cantares Gallegos”, unha data que na Fundación pretenden aproveitar para relanzar a figura da poeta. Coma noutras edicións ningunha verba fóra de lugar, mesmo cando o acto rematou cun himno galego con algún que outro erro que parte da asistencia nin notou. Para outro momento queda, por exemplo, saber se poderemos recuperar para a cidadanía o lugar onde repousa a poeta.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios