Allariz acolle unhas xornadas sobre Galiza e Catalunya

A Fundación Vicente Risco celebra, até o día 28 de setembro, un ciclo de “Diálogos entre culturas: Galiza-Catalunya” cunha exposición, varias conferencias e cine.
Luís Martínez Risco e Eduard del Castillo
photo_camera Luís Martínez Risco e Eduard del Castillo

As relacións entre ambos países é o eixo central das xornadas que estes días organiza a Fundación Vicente Risco en Allariz. A idea, segundo a propia organización, é fomentar valores que defendían desde a Xeración Nós como a relación con outros pobos sen pasar pola interpretación en clave española. 

Non é a primeira vez que esta institución se interesa por Catalunya. Hai uns meses presentou a tradución ao galego do libro “Pan Negro” de Emili Teixidor nunha edición que incorpora a película cos subtítulos en galego. O secretario da Fundación, Luís Martínez Risco, comenta que despois desta experiencia decidiron “mudar” o formato dos “Diálogos entre culturas” e aproveitar varias plataformas culturais.

“A fotografía pareceunos algo axeitado e pensamos en contar con imaxes a visión de Barcelona a través do obxectivo de cinco artistas que vivisen alí mais que fosen de fóra”. Deste xeito formouse a mostra “5/BCN/012”, comisariada por Noa Vázquez-Monxardín, que conta con obras de Jesús Llaría (España), Lino de Vallier (Italia), Rieko Uekama (Xapón), Rocío Diego (Chile) e Tono Carbajo (Galiza).

Conferencias e cine
Dúas conferencias e tres longametraxes completaran as actividades destas xornadas na Casa de Cultura de Allariz. A primeira comezou onte coa presenza de Eduard del Castillo Velasco e “O mundo galego en Catalunya” e continuarán hoxe con Pere Tobaruela que explicará a importancia dos “Cataláns en Galiza” (Casa da Cultura, ás 20:30 horas).

No apartado audiovisual as proxeccións serán de balde e realizaranse en versión orixinal en catalán con subtítulos en galego. Abrirá "Pa negre” (22 de setembro, ás 20:30 horas), e os documentais “Mirant al cel” (27 de setembro, ás 20:30 horas) e “Cataluña-Espanya” (28 de setembro, ás 20:30 horas). Este último día a proxección contará coa presenza da directora, co-guinista e responsábel de Massa d'or produccions, Isona Passolas.

“Non contabamos cos acontecementos da Diada, tiñamos preparada a programación desde o ano pasado”, asegura Martínez-Risco, “desde o meu punto de vista, se relacionamos tamén cos acontecementos de actualidade, desde Galiza ten que haber unha resposta propia coa realidade galega”.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios