A XL edición da Feira do libro da Coruña presenta as últimas novidades editoriais

A Feira do libro leva 41 anos achegando a lectura no verán da Coruña. Nesta edición 38 casetas e case 80 autor@s son o atractivo para pasar por ela antes do 10 de agosto.
Xosé Neira Vilas asinando a súa obra na Feira do Libro da Coruña en 2009

A XL edición da Feira do libro da Coruña abriu hoxe ao público con 38 casetas nos xardíns Méndez Núñez da cidade. Un ano máis a aposta da Federación de libreir@s de Galiza por levar a lectura á rúa terá como protagonista autoras e autores que asinarán as súas obras. Un total de 80 escritor@s partillarán inquedanzas coas persoas que se acheguen até o 10 de agosto, día de peche da feira.

Hoxe foi o día, por exemplo, de Manuel Rivas, que fixo unha lectura do conto inédito de O máis estraño, un capítulo de Todo é silencio e inéditos de Storyboard. Murmurios da infancia. Os vindeiros días pasarán pola feira, entre outr@s, Dores Tembrás, Antonio Piñeiro, María Canosa, Xabier P. Do Campo, Rafael Quintiá, Xosé Fernández Ferreiro, Antón Baamonde, Agustín Fernández Paz, José Carlos Bermejo Barrera, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xosé Neira Vilas, Aid, Fran Zabaleta ou María Canosa. Aqui podes consultar todo o programa.

Na feira todos os libros terán un 10% de desconto e inclúe a exposición fotográfica "Tempo de recreo" e obradoiros para crianzas.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios