A Real Academia desvelará para a semana a quen lle dedica o vindeiro Día das Letras

A decisión será tomada no pleno que a Real Academia celebrará a semana vindeira. Alén de Vidal Bolaño, emerxen outros nomes como Carlos Casares, Carvalho Calero, Fernández Morales, Faustino Rei Romero, Carré Aldao ou a propia Rosalía.

Outros anos xa a incógnita estaba desvelada a estas alturas. Mais nesta ocasión, a decisión da Real Academia Galega estase facendo agardar. A axenda da entidade, entre a celebración do cincuentenario do Día das Letras, o ano Celso Emilio, e outros actos varios, foi apertada de máis e o pleno no que se tomará a decisión, que é sempre o primeiro en ser celebrado tralo Día das Letras, quedará para a semana que vén. Será entón cando coñezamos o nome da persoa homenaxeada o vindeiro 17 de maio. Aínda que o prazo para presentar propostas rematará 24 horas antes do pleno, son xa varias as que se están a barallar, tanto dende dentro como dende fóra da Academia.

 

Malia a que a figura de Roberto Vidal Bolaño emerxe con forza entre as candidaturas xurdidas dende o tecido cívico e cultural, non é esta proposta, con amplo amplo apoio do mundo da escena, a única das iniciativas que están a chegar á Academia. Tamén, entre elas, están o berciano Antonio Fernández Morales, defendida de forma sostida dende o 2005 pola Asociación Berciana da Lingua, Xarmenta; o rianxeiro Faustino Rei Romero -sacerdote e poeta, destacado na defensa do galego nun ámbito tan remiso como o eclesiástico- ou o propio Carlos Casares. Á Academia chegaron tamén xa propostas a prol de Uxío Carré Aldao e Francisco Vales Vilamarín. E permanece tamén vixente a reivindicación do ex membro da Real Academia, Ricardo Carvalho Calero, cuxa candidatura, sobre a que pende permanente o debate polo seu compromiso co reintegracionismo, non conseguiu froitificar nos últimos anos no seo da institución.

 

Este ano tamén está a ser reivindicada a figura de Rosalía, para quen a crítica Dolores Vilavedra propuxo dedicarlle de novo o Día das Letras. Aínda que a posibilidade de repetir persoa homenaxeada non está contemplada no regulamento da Real Academia Galega, nada se di tampouco en contra, de modo que podería ter sida en conta no vindeiro plenario.

 

Alén destes, hai outras autores que formarán seguro parte do debate en pleno. Entre eles, o historiador e escritor Xosé Filgueira Valverde, e os poetas Fiz Vergara e Xosé María Díaz Castro. Outro nome que podería ser barallado é o de Lois Tobío. En marzo de 2013 faranse dez anos da morte do intelectual galeguista, destacado tanto pola súa escrita como polo seu protagonismo político. Gran ensaísta, tradutor ao galego de Rilke, Bertold Brecht ou Goethe, formou parte do Seminario de Estudos Galegos e participou,a na República, na redacción do anteproxecto do Estatuto da Galiza.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios