Catro días de pan e libros en Carballo

O Xardín Municipal de Carballo ofrece, ao longo de catro xornadas, alimento para o corpo e a mente: é a sexta edición de Praza dos Libros, coincidindo coa feira tradicional de produtos da terra. Concertos, teatro, conta contos, presentacións de libros ou actividades para pequen@s integran o programa.
Cartel de Praza dos Libros 2012 en Carballo
photo_camera Cartel de Praza dos Libros 2012 en Carballo

Os libros veñen, en Carballo, co pan debaixo do brazo, como adoita dicirse das crianzas: é o sexto ano que ten lugar a Praza dos Libros, a feira cultural da capital bergantiñá. Adoitaba facerse no marco das feiras estivais organizadas pola Federación de Libreiros, mais no concello non estaban satisfeit@s co resultado. “Non estaba funcionando, así que decidimos asumir directamente a organización”, conta Nel Vidal, coordinador da Praza, “mais dándolle unha volta”.

No ano 2006, pasouse de artellar unha feira arredor do protagonismo das librarías a “planificar un programa para a difusión da creatividade cultural, e complementalo coa venda e exposición de libros. Curiosamente, ao non pór como elemento principal a venda, conseguimos incrementala”. Se o nivel de vendas do libro galego, na maioría das feiras, sitúase no 10%, en Carballo están chegando ao 60%. Ademais de ter un programa planificado e integral, Praza aproveita tamén a coincidencia, quinta e domingo, coa feira tradicional de produtos da terra. O domingo mesmo levan pan de Carballo tod@s aquel@s que merquen libros. “Funciona moi ben: chegamos a xente que nunca consumiría cultura galega doutro xeito”.

Pan, libros ou discos con denominación de orixe

De feito, o principal elemento diferencial desta feira é o protagonismo do libro, disco ou produto cultural galego, que no resto das feiras “ten unha presenza moi residual”. Tamén se lles tenta dar visibilidade aos autores e autoras da comarca: o pregoeiro este ano é Fernando Cabeza Quiles, escritor ponferradino especializado en toponimia que habita en Carballo, e participou na fundación do Instituto de Estudos Bergantiñáns. Co seu pregón arrincarán catro días de creatividade. Esta mesma quinta presentan libro Manuel Igrexas (As rapazas de Xan, en Xerais), e Pilar García Negro (Outramente, en Laiovento).

Presentaranse tamén os libros conxuntos Primavera de navallas, de Xurxo Chapela, e Solpor en Waterloo, de Xosé Manuel García (Quereres Editorial), e Follas de Carballo (Lumieira), escrito por autor@s do concello como Cabeza Quiles, Rosalía Fernández, Farruco Graña, Henrique Mariño, Ignacio Silva, Xurxo Borrazás e Xurxo Chapela. @s autor@s da comarca bergantiñá implícanse nesta feira, “mesmo tentan reservar este momento para presentar as súas novidades”, conta Nel Vidal. “Non é algo puntual, existe unha colaboración ao longo de todo o ano”.

Cómics que chegan á pantalla e poemas rosaliáns rapeados

Ao longo de catro días (desde esta quinta 23 até o domingo), terán lugar presentacións e sinaturas de libros, concertos, conta contos, teatro, recitais de poemas, actividades para pícar@s e proxeccións, como no caso de Engurras, a banda deseñada de Paco Roca que deu o salto á pantalla no premiado filme de Ignacio Ferreras. Ademais de María Arochena, da produtora do filme, estarán Gemma Sesar, de El Patito Editorial, e Suso Villar, que preside a Asociación de Familiares de Enferm@s de Alzheimer de Bergantiños, na presentación de cómic e película.

Presentaranse o domingo ás 19.30, xusto antes de que a rapeira Aid peche o programa da Praza cos seus Rapoemas, o libro-disco editado por Galaxia en que fai versións de poemas de Rosalía de Castro ou Curros Enríquez.

De feito, o diálogo da literatura con outras artes, a música e a plástica en particular, é outra constante que dinamiza a feira: a poeta carballesa Rosalía Fernández Rial, que fora pregoeira da Praza dos Libros o ano pasado, presentará o seu novo libro de poemas, Vinte en escena (publicado en Positivas), cos ilustradores Chiña e Mon Lendoiro, e a música de Mon Búa. Tamén Xosé Neira Vilas presenta Esperando o leiteiro a súa última novela publicada en Galaxia, acompañado por O'Mighelo ao acordeón.

Para @s lector@s máis nov@s

Na Praza dos Libros cóidanse especialmente @s pequech@s: o conta contos Anxo Moure contará as aventuras de Graciano Zoqueiro; o grupo Glub Glub pon en escena Catalina Lino Lina; Paula Carballeira presenta tamén a súa novidade, O principio, editado por Kalandraka, e @s poetas María Canosa e Rafa Villar fan unha presentación conxunta das súas obras, Acuario e Patente de corso, acompañad@s por crianzas que recitarán os poemas; farase un obradoiro de reciclaxe de camisolas; e mesmo, pensando n@s que aínda non len, mais escoitan, Xabier Díaz e Guillerme Fernández dan un concerto para bebés: Arrolos de salitre.

A programación para público infantil é unha garantía de antemán de éxito, mais Vidal bota en falla chegar á franxa de idade dos 16 aos 24 anos. “É moi complicado chegar a ela, mais é a pescada que se morde a cola: non hai produción cultural porque non se consume, e non se consume porque non hai produción cultural”. Con respecto a este ano, con todo, amósase optimista, malia o contexto de precariedade global: no conxunto das feiras do libro falan dunha baixada do 20% nas vendas, mais nestes seis anos de Praza dos Libros “non houbo diferenza: mantense máis ou menos igual o nivel de vendas”. Depende do tempo meteorolóxico, máis que da situación económica, que a xente se achegue á Praza. Agora quedan catro días por diante en que Carballo se converte de novo en epicentro da produción cultural galega.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios