A Ciencia tamén reivindica o galego

Hoxe celébrase o III Día da Ciencia en Galego e universidades e centros de ensino realizarán varias actividades ao longo de toda a semana.
III Edición Ciencia en Galego
photo_camera III Edición Ciencia en Galego

O primeiro día da Ciencia en Galego celebrouse en 2010 e estivo dedicado a exaltar o papel da Ciencia na creacion e profundamento da Cultura Galega. Os homenaxeados, daquela, foron Afonso X, Ramón Aller e James Clerk Maxwell. O segundo centrouse na Química posto que coicidía co seu Ano Internacional e o centenario do Nobel de Marie Curie. Este conxunto de iniciativas segue o camiño comezado en 2010 coa campaña "En galego tamén se fai ciencia" organizada polas tres universidades galegas e continuado o pasado 2011 cun programa de actividades que se estendeu por oito centros dos campus de Compostela e Lugo.

Nesta edición haberá actividades nos centros educativos IES "Chano Piñeiro" de Forcarei (Pontevedra), IES Aquis Celenis de Caldas de Reis, IES de Melide, IES Laxeiro de Lalín e no IES de Chapela de Redondela.

Campus de Lugo

O Campus de Lugo acollerá a maior parte de actividades entre as que figuran exposicións, videoconferencias e visitas guiadas a laboratorios de investigación. A terza 6 de novembro terá lugar a actividade central. A partir das 12:30 horas celebrarase a videoconferencia organizada pola CGENDL "Facendo física de partículas polo mundo", seguida en tempo real por arredor de 6.000 alumn@s de secundaria e bacharelato pertencentes a cen institutos de toda Galiza. A interactividade está garantida posto que os estudantes realizarán as súas preguntas e achegas a través da rede social Twitter e o hashtag #cienciaetecnoloxiaengalego, este último podería chegar a trending topic da xornada ese día.

Os relatores desta videoconferencia serán Patricia Conde, investigadora no LIP de Lisboa e física do experimento ATLAS do CERN; Olalla Castro, profesora no City University en Londres e investigadora en teoría cuántica de campos; Abraham Gallas, investigador no CERN e na USC e físico no experimento LHCb do CERN; Carlos Salgado, e investigador no CERN e na USC no ámbito do estado da materia nos primeiros instantes do Universo; e Cibrán Santamarina, profesor da USC e investigador no experimento LHC do CERN. A videoconferencia tamén se poderá seguir desde a Facultade de Ciencias do Campus de Lugo.

O día 7 de novembro entregaranse os Premios á calidade lingüística dos traballos académicos e de investigación convocados polas facultades de Ciencias e Formación do Profesorado e pola Escola Politécnica Superior

"De Leonardo a nós"

O día 7 de novembro entregaranse os Premios á calidade lingüística dos traballos académicos e de investigación convocados polas facultades de Ciencias e Formación do Profesorado e pola Escola Politécnica Superior (EPS) nun acto que ademais ten a intención de salientar -en presentacións breves- o labor técnico e científico de Leonardo da Vinci e o seu influxo na ciencia moderna e contemporánea. Falarán Francisco Javier López, Escola Politécnica Superior, sobre "Leonardo: a representación gráfica das súas ideas", Matilde Lombardero, Facultade de Veterinaria, sobre "A anatomía de Leonardo e a actual: similares pero diferentes", Manuel Andrade, Escola Politécnica Superior, sobre "Da Vinci: sobre luares cinzentos e planetas afortunados", Roberto Iglesias, Facultade de Ciencias, sobre "De cómo os autómatas de Leornado da Vinci evolucionaron ata converterse en valiosos compañeiros robóticos" e Montserrat Valcárcel, Escola Politécnica Superior, sobre "Leonardo enxeñeiro: os seus deseños hidráulicos". Ese mesmo día poderánse visitar dúas pequenas exposicións: unha mostra conmemorativa do bicentenario do nacemento de Antonio Casares, elaborada por Isabel Fernández e "Os nosos Leonardos", elaborada pola Biblioteca Intercentros.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios