A AELG PREMIA “CLÁSICOS CONTEMPORÁNEOS”

A Cea das Letras festexa a Fernández Paz, Pilar Pallarés e Riveiro Coello

Sen risco e sobre seguro votaron os membros da Asociación de Escritores en Lingua Galega nesta edición dos seus premios. A Cea das Letras festexou as novas obras de nomes sólidos da nosa literatura como Agustín Fernández Paz, Pilar Pallarés ou Antón Riveiro Coello.
Agustín Fernández Paz
photo_camera Agustín Fernández Paz

Poucas descubertas e menos sorpresas agromaron na Cea das Letras. Escritores e escritoras que participaron na votación convocada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) semellaron preferir tirar sobre seguro. Agustín Fernández Paz, Pilar Pallarés ou Antón Riveiro Coello foron tres dos galardoados nesta edición nas categorías de literatura infantil e xuvenil, poesía ou narrativa. 


O premio para Agustín Fernández Paz era un dos agardados da noite. Calquera das apostas pasaban por ter a Fantasmas de luz, o seu aplaudido último título, entre os gañadores nos premios escollidos polos propios escritores e escritoras en votación secreta. Tiña tanto nivel de seguridade case como os dous premios honoríficos escollidos en asemblea polos membros da AELG e que recaeron nas equipas de normalización lingüística dos centros de ensino e nos servizos dos concellos en canto institucións que contribúen para a difusión literaria e en José Luís Sampedro como Escritor Galego Universal.

A sólida novela de Antón Riveiro Coello, Laura no deserto, resultou gañadora na categoría de narrativa mentres que en poesía Pilar Pallarés, un dos nomes máis destacado da nosa literatura desde os anos oitenta, era unha vez máis recoñecida pola súa obra co premio ao seu novo libro Leopardo son. Tampouco foi novel o escritor que se fixo co premio á mellor obra dramática que, nesta edición, foi parar a Raúl Dans con Chegamos despois a unha terra gris


Nunha categoría na que ademais dos membros da AELG tamén participan os xornalistas do Colexio Profesional, o escritor Bieito Iglesias foi o recoñecido pola súa mellor traxectoria de Xornalismo Cultural. Cunha xa dilatada carreira de escrita en xornais e con premios como o Blanco Torres, Bieito Iglesias é, sen dúbida, un dos máis destacados articulistas con presenza en varias cabeceiras de prensa nos últimos tempos.

"As crebas" de Miro Villar foi escollido como mellor blog literario mentres que a Ramón Guetierrez Izquierdo recoñecéuselle o seu traballo de tradución dos Sonetos de Shakespeare. O mellor ensaio foi, segundo os escritores e escritoras que participaron na votación, foi Vivir, unha aventura irrepetíbel, a biografía de Mª do Carme Kruckenberg escrita por Mercedes Queixas Zas.

A galeguidade de Sampedro


Agustín Fernández Paz foi o encargado de recoller o premio ás equipas e servizos de normalización mentres que o Premio Internacional da AELG contou coa ausencia do galardoado que, por motivos de saúde non se pudo desprazar a Compostela. De José Luís Sampedro leu unha emotiva carta o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, na que, ademais de agradecer o premio evocou as súas orixes galegas e aos escritores do país cos que tiña relación.”Galego era o meu avó paterno, que faleceu en Betanzos; de Galicia me falaba miña avoa cando neno; únenme recordos persoais con motivo dunha estadía en Ortigueira [na Universidade Popular]. Recordo así mesmo a Asociación Cultural Lóstrego en Madrid e amigos como Xosé Manuel Beiras –dos poucos que comprenderon os meus esforzos pola estrutura (económica)-; e máis recentemente úneme a Galicia o meu afecto e admiración por Carlos Taibo e Manolo Rivas” anotou na carta José Luís Sampedro. 

Máis en Letras e Ideas
Comentarios