A Asociación Galega de Tradutores homenaxea a Valentín Arias

O escritor e tradutor Valentín Arias, falecido o pasado ano, será homenaxeado mañá en Vigo, nun acto organizado pola Asociación Galega de Tradutores.

O acto, que será presentado pola escritora Rexina Vega, será ás oito da tarde mañá, en Vigo, no salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta, e contará cunha ampla representación de sectores diversos do mundo cultural. Reuniranse, ao redor da lembranza de Arias, Xosé María Gómez Clemente, Antía Cal, Avelino Pousa, Lois Arias Castaño, Xosé Manuel Beiras, Víctor Freixanes, Manuel Bragado, Ana Iglesias, Camiño Noia e os membros de A Quenlla, Mini e Mero.

Valentín Arias (Maside, 1934) foi xerente da editorial Galaxia, coa que comezou a traballar en 1964, cofundou e presidiu a Asociación Galega de Escritores e estivo tamén ligado á fundación Penzol. Traduciu fundamentalmente do francés, do portugués e do español. Grazas a el, temos en galego a Hergé (As aventuras de Tintín), Verne (A volta ó mundo en oitenta días, Viaxe ó centro da terra e Da terra á lúa), Camus (O estranxeiro), Bernardo Atxaga (Memorias dunha vaca) ou a Torrente Ballester (O hostal dos deuses amables). Correu ao cargo, ademais, da dirección da tradución d´O quixote.

Arias é autor, así mesmo, de obras como A lingua galega na escola, Prontuario ortográfico galego, A escola rural en Galicia, Lois e Sabela, ou  Catro nenos. Mestre de profesión, realizou un amplo traballo de promoción da lingua no mundo do ensino, tanto pola seus esforzo de difusión entre as e os ensinantes como pola elaboración de materiais didácticos e o legado deixado na viraxe ao galego de grandes clásicos da literatura universal.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios