Zelenski viaxa a Londres para reclamar o envío dun maior número de armas

Alemaña mandará até 25 Leopard-1 a Kíiv nos vindeiros meses.
Volodimir Zelenski e Rishi Sunak. (Foto: DPA)
photo_camera Volodimir Zelenski e Rishi Sunak. (Foto: DPA)

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, estivo esta cuarta feira en Londres (Reino Unido), onde se reuniu co monarca, Carlos III, e co primeiro ministro Rishi Sunak, amais de dirixirse ao lexislativo, agradecendo o apoio británico desde a invasión rusa e reclamando a entrega dun maior número de armas.

O Reino Unido é o segundo Estado da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) -despois dos Estados Unidos- que máis asistencia entregou a Kíiv, arredor de 7.000 millóns de euros, a maioría en armamento.

Ademais de anunciar un novo paquete de sancións unilaterais contra Rusia, Londres fixo público que preparará pilotos ucraínos para manexar avións de combate da OTAN, como parte dun programa que xa o levou a adestrar a 10.000 soldados ucraínos o pasado ano, e enviará mísiles de longo alcance ao Exército ucraíno.

Asemade, os datos ofrecidos polo Ministerio de Agricultura ucraíno revelan que a última colleita recollida, xa no medio do conflito contra Rusia, foi case 30% máis baixa que no exercicio anterior. Desde Berlín, o ministro de Defensa, Boris Pistorius, especificou o número de tanques Leopard 1 que remitirá a Kíiv, tras facer público a semana pasada o seu envío. A expensas das unidades que se poidan reparar, até 178 tanques poderían chegar a Ucraína en distintas fases, explicou. Na primeira etapa, até o verán, planean mandar entre 20 e 25 unidades.

Pola súa parte, o representante ruso perante a Organización das Nacións Unidas, Vasili Nebenzia, responsabilizou a alianza militar de impulsar a continuación da guerra, e abriu a porta a unha "perspectiva de paz" cando "aqueles que promoven este conflito deixen de librar unha guerra indirecta contra nós".

Comentarios