Zelenski rexeita a proposta do Kremlin: non renunciará a Crimea, Donetsk e Lugansk

O Goberno ucraíno ve "absurdo" falar dunha hipotética entrada na OTAN no contexto actual: "A Alianza non está lista para aceptar Ucraína durante, cando menos, os próximos 15 anos, e xa o deixou claro".
Volodímir Zelenski, presidente de Ucraína (Foto: Ukrainian Presidency / DPA).
photo_camera Volodímir Zelenski, presidente de Ucraína (Foto: Ukrainian Presidency / DPA).

Esta segunda feira, o portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, afirmou que o Goberno de Vladímir Putin estaría disposto a pór fin ao conflito bélico en Ucraína e retirar as súas tropas do país veciño se Kíiv aceptase as seguintes condicións: pór fin á "resistencia armada", renunciar ás súas "pretensións de unirse a calquera bloque", recoñecer a independencia das repúblicas de Donetsk e Lugansk e renunciar a Crimea aceptando a súa adhesión a Rusia.

"Rusia informou Ucraína de que pode pór fin á operación en calquera momento se Kíiv cumpre as condicións de Moscova. A eles [os ucraínos] díxoselles que todo isto podería deterse nun momento", dixo Peskov. Porén, esta terza feira o partido do presidente Volodimir Zelenski, Servidor do Pobo, emitiu un comunicado no que rexeita o 'ultimato' de Moscova.

"Nin sequera teoricamente consideramos a posibilidade de revisar o noso territorio ou abandonar calquera anaco del. Non aceptamos ultimatos nin cedemos territorios, mais ao mesmo tempo miramos con seriedade a realidade", apunta.

Aliás, a formación política que goberna Ucraína sinala que "Crimea, Donetsk e Lugansk estiveron ocupadas durante oito anos" e, agora, "está a producirse unha guerra a grande escala no resto de Ucraína".

"Escoitamos a demanda de Rusia de recoñecer as autoproclamadas repúblicas populares de Donetsk e Lugansk, mais está claro que non o faremos. Porén, temos que decidir como se regulará a vida das persoas nestes territorios dentro do noso Estado", defende o partido de Zelenski.

Ucraína non entrará na OTAN

A respecto da posíbel adhesión de Ucraína á OTAN, desde Servidor do Pobo inciden en que "a Alianza non está lista para aceptala durante, cando menos, os próximos 15 anos, e xa o deixou claro".

"No seu lugar temos que falar de cousas específicas, como un acordo concreto que poida garantir a plena seguridade de Ucraína até que a OTAN estea lista para aceptarnos", engaden.

No contexto actual, "dada a invasión rusa", para o partido de Zelenski "soa absurdo" falar dunha hipotética entrada na OTAN. "Mais as nosas Forzas Armadas repelerán o inimigo e haberá que garantir un maior desenvolvemento pacífico de Ucraína. Entón será importante que Rusia asine as súas garantías para a nosa soberanía xunto con outros garantes, como poden ser os Estados Unidos, Turquía ou os veciños de Ucraína", conclúe o comunicado.

Comentarios