Suso de Toro presenta Zapatero en Compostela

Zapatero afirma que será o diálogo e non os tribunais quen resolva o conflito catalán

O expresidente José Luis Rodríguez Zapatero impartiu a conferencia Diálogo e política en Compostela, presentada por Suso de Toro, na que asegurou que o conflito catalán non "o resolverán os tribunais", senón que só é posíbel resolvelo desde "a política e o diálogo". O exmandatario tamén descartou a repetición das eleccións xerais e confirmou que Pedro Sánchez será presidente “si ou si”.

[Imaxe: Wikipedia] Zapatero
photo_camera [Imaxe: Wikipedia] Zapatero

Santiago acolleu unha conferencia do expresidente do goberno central, José Luis Rodríguez Zapatero, onde afirmou sobre o conflito en Catalunya que "os tribunais terán o seu percorrido, pero non resolverán o problema". Prognosticou que se prolongará no tempo mais que agarda que ambas partes “admitamos un empate, para o que é necesario dedicar horas e dialogar”.

Zapatero tamén confirmou que Pedro Sánchez será presidente e descartou por completo unha repetición electoral no caso de fracasar a primeira votación para a investidura. Asegurou ademais que ningunha forza política desexa unha volta ás urnas. "O resultado electoral foi moi claro, só hai unha alternativa para a presidencia e o goberno, e esa é Pedro Sánchez e o PSOE", engadiu.

Zapatero tamén confirmou que Pedro Sánchez será presidente e descartou por completo unha repetición electoral

O escritor Suso de Toro, autor do libro Madeira de Zapatero. Retrato dun presidente (Xerais, 2007), foi o encargado de presentar a conferencia do exmandatario titulada Diálogo e política e que, organizada polo Ateneo de Santiago, desenvolveuse no Hostal dos Reis Católicos de Compostela.

Precisamente, a simultaneidade de actos no mesmo edificio fixo que Zapatero e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, coincidiran na Praza do Obradoiro, momento que aproveitaron para saudarse.

O escritor Suso de Toro, autor do libro Madeira de Zapatero. Retrato dun presidente (Xerais, 2007), foi o encargado de presentar a conferencia

Zapatero prognosticou que en cuestión de días, “quizais unha semana", “si ou si” ficará clara a gobernabilidade de Sánchez debido á "intensificación do diálogo", un intercambio de posicións que segundo o expresidente cada formación encarará desde a súa "estratexia", aínda que apuntou que "o razoábel e o probábel" é que as forzas políticas que poden dar respaldo a Sánchez "van ser responsábeis para que a investidura se produza”.

Até no PP e Ciudadanos “teñen dúbidas sobre se deberían absterse ou non ante unha investidura de Sánchez”, asegurou Zapatero, quen descarta por completo a repetición electoral pese á pouca disposición actual dos partidos a facilitar a investidura de Pedro Sánchez.

En canto a unha posíbel coalición gobernamental con Unidas Podemos, Zapatero convidou a “clarificar cal é o obxectivo que perseguen á hora de entrar no executivo”

En canto a unha posíbel coalición gobernamental con Unidas Podemos, tal e como solicita Pablo Iglesias, que onte amosou o seu desexo de liderar ministerios desde onde poder aplicar políticas de carácter social, Zapatero convidou a “clarificar cal é o obxectivo que perseguen á hora de entrar no executivo”, cuestión que o expresidente valora clave para “facilitar o diálogo”. Nese sentido resaltou que a importancia en todo este proceso de diálogo e e negociacións ha de recaer no programa que se impulse desde o executivo do Estado, algo que quedará marcado, valorou Zapatero, no discurso que ofreza Pedro Sánchez na sesión de investidura no Congreso.

Baixo o pretexto de non querer "dar consellos desde fóra" a Sánchez ao redor das negociacións e sobre como artellalas para viabilizar a formación do vindeiro goberno do Estado, Zapatero afirmou que Sánchez é coñecedor das liñas vermellas para obter unha maioría “que merece porque electoralmente foi moi clara a vontade cidadá”. Engadiu así mesmo que nos tempos que corren da política actual no Estado é difícil acadar unha maioría absolta e por tanto, a estabilidade e os goberno téñense que "traballar día a día", o que fai necesario “máis doses de diálogo”, concluiu.

Comentarios