Yolanda Díaz ve posíbel pactar con Ciudadanos os Orzamentos

O mando único e a falla de diálogo cos partidos e coas comunidades foron as críticas que soberanistas fixeron ao Goberno estatal ante a votación do estado de alarma. Ciudadanos, pola contra, virou de rumbo e apoiou o Executivo. Agora a ministra Díaz ve en Arrimadas un posíbel apoio para sacar adiante as contas. 
A ministra de Traballo e dirixente de Unidas Podemos, Yolanda Díaz (Imaxe: Pool / Europa Press)
photo_camera A ministra de Traballo e dirixente de Unidas Podemos, Yolanda Díaz (Imaxe: Pool / Europa Press)

A última sesión do pleno do Congreso dos Deputados, en que se votou a actual prórroga do estado de alarma, deixou un Goberno estatal cos seus apoios da investidura erosionados e algo modificados. As soberanistas que permitiran a Pedro Sánchez repetir na Presidencia acusaron a semana pasada o seu Goberno de estar a impor medidas recentralizadoras, un mando único de costas ás comunidades e lamentaron que houbese falla de diálogo desde a Moncloa cara aos territorios e cos partidos.

Porén, o Executivo si contou cun inesperado aliado, o de Ciudadanos (Cs), a dereita españolista que noutrora inzaba a consigna do "cordón sanitario a Sánchez".  

A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, asegurou na segunda feira, 11 de maio, que é posíbel chegar a un acordo coa formación laranxa para sacar adiante uns Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2021, que axuden a afrontar a crise do coronavirus. De feito, Díaz afirmou que lle "consta" que a ministra de Facenda, María Jesús Montero, xa está a traballar no documento, e que o Executivo está a buscar "os apoios necesarios", cunha "enorme versatilidade".

A ministra Díaz, dirixente de Unidas Podemos, asegurou ademais que é "optimista" respecto a que os orzamentos cheguen a bo porto, despois da "votación da semana pasada" no Congreso. "Máis aló das diferenzas políticas, si é posíbel chegar a acordos nun programa orzamentario de emerxencia. Dígoo de verdade e desde logo traballaremos para que sexa así", afirmou Díaz, tras insistir en que cre posíbel o acordo tanto con Cs como co PNV. 

Inés Arrimadas non quixo avanzar se apoiará no Congreso  unha nova prórroga da alarma, e afirmou que haberá que ver como evoluciona a pandemia.

Pola súa banda, Esquerra Republicana de Catalunya fixou esta segunda feira, 11 de maio, as súas condiciones para cambiar o seu 'non' ao estado alarma: acabar co mando único e que o Govern poida decidir e xestionar o desconfinamento, aplicar un permiso retribuído para o coidado de menores e dependentes e que os concellos poidan utilizar o seu superávit para facer fronte á crise do coronavirus.

Goberno e axentes asinan o acordo que desvincula os ERTE da alarma

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, presidiu na segunda feira na Moncloa a sinatura do Acordo Social en Defensa do Emprego, cos representantes dos sindicatos UXT e CCOO e das entidades da patronal. A principal medida deste acordo é a prolongación dos expedientes de regularización de emprego (ERTE) até o 30 de xuño.

A medida dos ERTE fica así desvinculada do estado de alarma, xa que o actual vence o 24 de maio. Esta era unha das condicións que puña precisamente Ciudadanos enriba da mesa para poderen apoiar o decreto de alarma no pleno da semana pasada. O Goberno destacou que o documento asinado é "un acordo histórico" que inclúe un conxunto de medidas de protección do emprego e da actividade produtiva para que "ninguén quede atrás" na crise do  coronavirus. 

Comentarios