Venezuela comeza a campaña para elixir moito máis que un presidente

Dous modelos antagónicos de país, o que se personifica nas candidaturas de Maduro e Capriles, compiten nesta cita. Perto de 20 millóns de venezolan@s decidirán o 14 de abril. Maduro chama a continuar o legado de Chávez de “soberanía, xustiza e igualdade”. Capriles apela a derrotar o que entende que é ditadura bolivariana. O ex-presidente brasileiro, Lula, mostrou  o seu apoio a Maduro cun vídeo que podes ver no interior.

O 14 de abril por volta de 20 millóns de venezolan@s están chamados a ter unha cita coas urnas para elixir moito máis que un presidente. A diferenza doutros países onde o cambio de presidente ou forza no goberno non implica variacións de calado,en Venezuela están competindo dous modelos antagónicos. Os representados por Nicolás Maduro (Gran Polo Patriótico) e Henrique Capriles (Mesa da Unidade Democrática) . Hai máis candidatos, si: Reina Sequera (Partido Poder Laboral), María Bolívar (Partido Democrático Unidos por la Paz y la Libertad), Eusebio Méndez (Nueva Visión para mi País), Fredy Tabarquina (partido Juventud Organizada de Venezuela) e Julio Mora (Unidad Democrática). Mais sen posibilidades.

As enquisas e sondaxes de inicio de campaña (que arrancou esta semana) dan a vitoria a Maduro con ventaxes de até 10 puntos porcentuais. Mais o candidato do GPP chamou a loitar contra “o triunfalismo” porque “é moito o que está en xogo”.

Lula xa mostrou o seu apoio a Morales. Capriles ten o apoio dos grandes grupos mediáticos, dentro e fóra de Venezuela

Maduro defendeu a revolución bolivariana e afirmou que ““A burguesía xamáis volverá gobernar esta Patria”. Incidiu na necesidade de avanzar na “construción do socialismo” de cara a facer unha Venezuela “máis xusta, soberana e libre”; e fixo unha advertencia: “Enfrontámonos a un núcleo da dereita que ten plans fascistas”, polo que chamou a todos a “defender a constitución e a soberanía”.

A oposición xoga a baza da delincuencia

Pola súa banda, Capriles iniciou a campaña acusando ao goberno venezolano de “ser cómplice da guerrilla colombiana” e anunciou que, de gañar, o seu ministro sería un coñecido militar que está en activo,mais do que non quixo desvelar o nome. O candidato da dereita está a centrar a súa campaña nas cifras de delincuencia e na inseguridade nalgunhas cidades de Venezuela, dicindo que son responsabilidade de Chávez e o seu proxecto “comunista” e “totalizador”.

Mais na campaña tamén están a sair apoios aos candidatos. Así, Lula mostrou o seu apoio a Maduro. Capriles conta co respaldo oficioso de EEUU.

Comentarios