O Constitucional recálcalle ao PP que a unión de persoas do mesmo sexo tamén é matrimonio

Con oito votos a favor fronte a tres en contra, o TC vén de emitir o seu veredicto sobre a Lei 13/2005, que levaba sete anos esperando para confirmar a súa constitucionalidade fronte ao recurso presentado polo PP. Entendían @s conservador@s que o 'matrimonio' só debe ser entre un home e unha muller para non "desnaturalizar a institución". Gallardón anunciou que non derrogaría a norma se o TC lle daba o visto e prace
matrimonio persoas mesmo sexo

O Tribunal constitucional vén de ratificar que a unión entre persoas do mesmo sexo é tamén un 'matrimonio'. Nunha xuntanza mantida nesta terza feira, o órgano xudicial deliberou e someteu a votación o recurso presentado polo PP en contra da Lei 13/2005, que permite o matrimonio entre persoas do mesmo sexo. O debate víñase aprazando desde mediados do mes de setembro, a pesares de figurar na orde do día de todos os plenos do TC. Desde a presentación do recurso até hoxe celebráronse case 23 mil vodas en todo o estado.

O fallo emitido, que se fará público dentro duns días, cando estean redactados os votos discrepantes de Ramón Rodríguez Arribas, Andrés Ollero e Juan José González Rivas, considera que a regulación do matrimonio homosexual inscríbese dentro da lóxica do mandato que a Constitución española dá aos poderes públicos de promoter as condicións para que a liberdade e a igualdade das persoas sexan "reais e efectivas", tal e como sinala o apartado segundo do artigo 9. O maxistrado Pablo Pérez Tremps foi o ponente desta sentencia.

O 5 de xullo o Constitucional aceptou a abstención solicitada polo conservador Francisco J. Hernando, argumentando que en xaneiro de 2005, cando era presidente do Consello xeral do poder xudicial, emitiu un informe radicalmente oposto ao proxecto, que foi considerado improcedente pola fiscalía xeral do estado.

O Constitucional decidiu estimar a causa de abstención formulada por Hernando ao entender que as razóns deste maxistrado podían integrarse no sinalado en dous puntos do artigo 219 da Lei Orgánica do Poder Xudicial. Este precepto inclúe entre os motivos para se apartar dun debate ou ocupar un cargo con ocasión do cal se participou directa ou indirectamente no asunto obxecto do preito ou poder ter coñecemento do obxecto do litixio e formar criterio en detrimento de a debida imparcialidade.

Así as cousas, o PP denunciou en outubro de 2005 que a lei aprobada polo PSOE vulneraría o artigo 32 da Constitución, que estabelece o dereito ao matrimonio ao non respectar a definición de "unión entre un home e unha muller". Aliás, apreciou tamén unha quebra constitucional noutros seis artigos --10.2, 14, 39, 53.1, 9.3, e 167--, ademais de sinalar un uso fraudulento do termo, en consonancia co sinalado no seu día polo poder xudicial, cando o presidía Hernando. O titular de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, dixo que non derrogaría a lei se o TC a avala.

Comentarios