A xustiza de Israel frea os desaloxos de Sheikh Jarrah sen aclarar a propiedade

O conflito foi catalizador do choque entre Hamas e Israel de maio pasado.
EuropaPress_3691914_filed_04_may_2021_israel_jerusalem_people_take_part_in_demonstration_at
photo_camera A Policía dispersa unha protesta desenvolvida en no barrio situado en Xerusalén Leste (Foto: Ilia Yefimovich / dpa)

O Tribunal Supremo de Israel resolveu permitir que os residentes palestinos do barrio de Sheikh Jarrah, en Xerusalén Leste, permanezan nas súas casas baixo o status de "residentes protexidos", o que permitirá que non poidan ser desaloxados nos próximos anos, informou a axencia de noticias palestina WAFA

A decisión busca pór fin á disputa entre os veciños da zona e os colonos xudeus, que serviu como catalizador para o enfrontamento armado entre Hamas e Israel de maio pasado. Porén, non se chegou a un entendemento sobre a propiedade dos terreos.

Os colonos reclaman os terreos desde 1967, cando Xerusalén foi ocupada, xa que alí se sitúa a tumba dun venerado sacerdote. As familias palestinas viven legalmente no barrio desde a década de 1950, cando a xurisdición era de Xordania, país que é custodio dos lugares santos musulmáns e cristiáns de Xerusalén. 

Segundo informou o diario israelí Haaretz, a decisión xudicial estabelece que os residentes deberán pagar un alugueiro á organización de colonos xudeus Nahalat Shimon. Esta adquiriu os dereitos sobre os terreos a familias xudías que habitaban na zona antes do nacemento de Israel como Estado en 1948. 

O avogado da asociación reclamou que as familias palestinas recoñecesen a propiedade xudía dos terreos, mais non aceptaron, polo que o xuíz Isaac Amit programou outra audiencia futura.

"Pasemos do nivel dos principios ao da practicidade", dixo Amit. "A xente ten que continuar vivindo alí [...] tentemos alcanzar un acordo práctico", engadiu. 

Coacción e transferencia

A respecto do conflito de Sheikh Jarrah, a ONU lembrou en varias ocasións que é ilegal facer cambios demográficos nun territorio ocupado. "As expulsións forzosas poderían tamén violar os dereitos a unha vivenda digna, á privacidade e outros dereitos dos desafiuzados. Son un factor chave á hora de crear un ambiente de coacción que poida levar á transferencia forzosa, algo prohibido pola Cuarta Convención de Xenebra", argumentaba en maio a Oficina do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos.

Tamén na altura a Casa Branca mostraba a súa "preocupación polo potencial desaloxo de familias palestinas das súas casas, onde viven desde hai xeracións".

Calquera resolución xudicial neste caso sentaría un precedente para as ducias de familias palestinas que viven no barrio. De acordo cos documentos no seu poder ─publicados o domingo na prensa israelí─, Xordania tería iniciado os trámites para a transferencia dos terreos en conflito ás familias palestinas, mais a Guerra dos Seis Días (1967) freou estas xestións. 

Comentarios