A Xustiza europea abre a porta á entrega de Puigdemont ao Estado español

O Avogado Xeral da UE sostén que Bélxica non pode cuestionar unha orde europea de extradición "se non se demostran previamente deficiencias sistémicas e xeneralizadas" no Estado español. As súas conclusións non son vinculantes, mais a meirande parte das sentenzas ditadas pola Xustiza europea seguen a liña marcada por el.
O ex president Carles Puigdemont, nun congreso de Junts. (Foto: Glòria Sánchez)
photo_camera O ex president Carles Puigdemont, nun congreso de Junts. (Foto: Glòria Sánchez)

O Avogado Xeral do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), Richard de la Tour, apuntou esta quinta feira que a Xustiza belga non pode rexeitar a entrega dos independentistas procesados polo 'procès' reclamados polo maxistrado do Tribunal Supremo Pablo Llarena, entre eles o ex president catalán Carles Puigdemont.

Bélxica rexeitara o pasado ano a extradición do ex conseller Lluís Puig, após entenderen os xuíces deste país que os dereitos fundamentais do político catalán perigarían no caso de ser entregado ao Estado español.

De la Tour basea a súa argumentación no "risco de que se violen os seus dereitos fundamentais" se non demostran previamente "deficiencias sistémicas e xeneralizadas" en España. Aliás, sostén que os tribunais belgas non poden pór en dúbida as competencias do Supremo como autoridade para emitir tales 'euroordes'.

A opinión do Avogado Xeral non é vinculante para o TXUE, mais na gran maioría dos casos as sentenzas ditadas pola Xustiza europea seguen a liña marcada por estes ditames.

Así, Richard de la Tour lembra no seu ditame o "principio de confianza mutua" entre os Estados membro que prima en materia xudicial e deféndeo como un elemento "de importancia capital" que debe aplicarse plenamente para protexer o espazo sen fronteiras dentro da UE e simplificar a cooperación xudicial para "loitar contra a impunidade".

A defensa de Puigdemont ve un "retroceso" nos dereitos e liberdades

Após transcenderen estas palabras, o avogado de Puigdemont, Gonzalo Boye, lamentou as conclusións alcanzadas polo Avogado Xeral da UE e cualificounas de "negación" dos dereitos individuais, se ben subliñou que "non implican unha futura entrega dos exiliados".

"Non eran as que esperabamos, obviamente teremos que esperar á sentenza, mais non podemos estar contentos con este posicionamento do Avogado Xeral", dixo, e engadiu que, de se oficializaren estas conclusións, suporía unha "desnaturalización" da Carta dos Dereitos Humanos, así como un "retroceso importante" en materia de dereitos e liberdades.

Pola súa parte, Puigdemont afirmou que non claudicará e loitará "até o final". "Teremos que percorrer un camiño que xa percorremos antes, mais agora con máis experiencia. Loitaremos por cada dereito e cada opción", salientou.

Comentarios