A xustiza declara culpábel de "terrorismo" o heroe de 'Hotel Rwanda'

Paul Rusesabagina salvou centos de vidas durante o xenocidio de 1994.
EuropaPress_3323846_paul_rusesabagina_heroe_hotel_ruanda_comparece_tribunal_kigali
photo_camera Rusesabagina, esposado, na comparecencia preliminar de setembro de 2020 perante o tribunal que o xulgou na capital ruandesa (Foto: Cyril Ndegeya / Xinhua)

Paul Rusesabagina, o activista político coñecido internacionalmente por ser o director do Mille Collines, o hotel ruandés onde máis de 1.200 persoas buscaron refuxio durante o xenocidio de 1994, foi declarado culpábel de nove cargos de "terrorismo". O tribunal condenouno a 25 anos de prisión. A fiscalía solicitara a cadea perpetua, segundo informou o periódico pro gobernamental The New Times.

"Fundou unha organización terrorista que atacou Ruanda, e contribuíu ao financiamento de actividades terroristas", estimou a corte. Rusesabagina lidera o Movemento Ruandés para un Cambio Democrático (MRCD), unha coalición de grupos opositores crítica cos supostos casos de corrupción do Goberno do presidente ruandés, Paul Kagame. 

As Forzas de Liberación Nacional (FLN), grupo rebelde vinculado co MRCD, están involucradas en varios ataques de 2018 e 2019 contra poboación civil que provocaron a morte de nove persoas no sur do país. Rusesabagina manifestou publicamente o seu apoio ás FLN no pasado, mais subliñou que a súa ligazón era unicamente "diplomática". 

O MRDC creou o FLN "como un brazo armado, non como un grupo terrorista como afirma o fiscal", asegurou ao inicio do xuízo, en febreiro deste ano. "Non nego que o FLN cometeu crimes, mais o meu papel era a diplomacia", defendeu. Rusesabagina cualificou de "farsa" o proceso, en que tamén foron condenadas outras 20 persoas.

"Desaparición forzada"

"Non son ruandés, son un refén belga. Fun secuestrado e agora estou sendo retido", manifestou na altura, alegando que o tribunal non tiña autoridade para o xulgar. Rusesabagina ten nacionalidade belga e reside nos EUA. 

A súa repentina aparición en Ruanda o 31 de agosto de 2020 continúa a ser un misterio. As autoridades non ofreceron ningunha explicación a respecto da súa transferencia desde os Emiratos Árabes Unidos, onde fora visto por última vez. O Goberno dese país sostén que Rusesabagina abandonou Dubai de forma legal nun jet privado con destino a Burundi e negou calquera participación no arresto. 

A ONG Human Rights Watch (HRW) cualificouno de "desaparición forzada", mais as autoridades ruandesas defenden que simplemente foi vítima dun engano para subir ao avión. Tamén  negan as acusacións do protagonista, que denunciou que fora amordazado e torturado antes de ser encarcerado.

'Hotel Rwanda'

Rusesabagina fíxose coñecido internacionalmente polo filme Hotel Rwanda (2004). Escrito e dirixido polo irlandés de Belfast Terry George ─guionista tamén de In the Name of the Father─, está protagonizado polo actor estadounidense Don Cheadle, que o encarnou, e pola actriz inglesa Sophie Okonedo, que fixo o papel da muller del, Tatiana Rusesabagina ─unha tutsi─. 

Ao tempo que os líderes políticos e militares hutus chamaban ao exterminio tutsi e á violación e mutilación sexual de mulleres e crianzas, Paul Rusesabagina ─un hutu─ abriu as portas do hotel de luxo que dirixía para protexer máis de 1.200 persoas ─tutsis e hutus moderados─ e salvalas, grazas aos seus contactos, dunha morte segura. 

No punto de mira por cuestionar o relato oficial do xenocidio

Ademais de pola súa oposición a Kagame, Rusesabagina está no punto de mira do Goberno ruandés desde que en 2007 rompeu o código de silencio arredor da narrativa oficial sobre o xenocidio. Foi nese ano que realizou unhas declaracións asegurando que os tutsis non foran as únicas vítimas do xenocidio e que comandos tutsi asasinaran e incineraran nos bosques un incontábel número de hutus. Tamén, que foran responsábeis do ataque ao avión do entón presidente, Juvénal Habyarimana, que deu inicio á matanza. Por todo isto pediu á ONU o procesamento das tropas de Kagame. En só cen días, entre o 7 de abril e o 15 de xullo de 1994, máis de medio millón de persoas foron asasinadas (algunhas fontes falan de até un millón). Francia recoñeceu en maio pasado a súa "abafadora responsabilidade" en evitar aquel masacre.

Comentarios